O PP acepta agora que axudas eléctricas como as de Alcoa deben ir ligadas a manter o emprego

Protesta do persoal de Alcoa na Coruña Dominio Público @TraballadoAlcoa

Hai máis dun mes, o pasado 18 de setembro, o PP presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei pedindo axilidade ao Goberno central nas súas axudas ás fábricas que consumen moita electricidade. Ese tipo de iniciativas declarativas, nas que a Cámara non ten capacidade de actuación directa senón que pide a outra administración que faga algo, poden tardar máis ou menos tempo en debaterse, pero foi precisamente o martes da pasada semana, como se os populares soubesen que un día despois Alcoa ía anunciar o peche das súas fábricas, cando o PP forzou que se debatese no pleno desta semana. E así se fixo este martes, cando os populares mudaron a súa proposta inicial e aceptaron, a petición da oposición, que no futuro axudas eléctricas como as de Alcoa deban ir ligadas a manter o emprego.

Os populares negocian coa oposición unha postura conxunta do Parlamento de Galicia en contra do peche da fábrica da Coruña

A proposición non de lei formulada polos populares non ten máis valor que o dun posicionamento político do Parlamento de Galicia. Na súa redacción inicial cando foi presentada hai un mes os populares realizaban un chamamento xeral ao Goberno central a axilizar as axudas previstas nos orzamentos estatais para as empresas que consumen grandes volumes de electricidade e a reformar en próximos anos o sistema de axudas para que esas firmas poidan competir en igualdade de condicións coas doutros países europeos. Pero nada dicía, como non o facían as regras dese tipo de axudas, sobre compromisos de futuro por parte das empresas beneficiarias.

Tras coñecerse o anuncio de peche de Alcoa, os propios populares emendaron o seu texto para facer referencia explícita a esa empresa e, segundo avanzou a deputada popular encargada de defender a proposta, Marta Novoa, van agora un paso máis alá e aceptan introducir unha referencia, solicitada por todos os grupos da oposición, a que no futuro ese tipo de axudas estean ligadas á obriga das empresas beneficiarias a manter emprego e investimentos, condición que ata o de agora non contemplaban os populares. Porén, esa medida non só é unha petición do Parlamento ao Goberno sen ningún tipo de capacidade executiva senón que tampouco tería ningún efecto retroactivo sobre Alcoa.

PP e PSdeG botáronse a responsabilidade da situación actual e En Marea e BNG avogaron pola unidade para evitar que peche a fábrica de Alcoa na Coruña

No debate deste martes no Parlamento os populares deitaron no Goberno central a responsabilidade de solucionar a actual ameaza de peche de Alcoa lembrando que anteriormente sempre se resolveron situacións similares. Pola contra, o PSdeG, por boca do seu deputado Abel Losada, dixo que o Goberno central herdou un problema que atribuíu aos anteriores executivos populares. “Quen a viu e quen a ve, parece que cambiou o Goberno en España”, ironizou o socialista coa deputada popular.

Pola súa banda, En Marea e BNG centraron o foco na necesidade de acordo de todos os partidos para evitar que Alcoa continúe coa súa decisión de pechar. “Deixemos as diferenzas e a busca de culpables para o día seguinte de que Alcoa renuncie ao ERE”, dixo o deputado de En Marea Pancho Casal. “Benvidos á rectificación que fan hoxe, pero son necesarias moitas máis”, valorou a deputada do BNG Noa Presas.

O comité de empresa da Coruña confía en que se suspenda o ERE para poder negociar coa empresa e insiste na importancia de que se garanta o subministro eléctrico e a continuidade do traballo na fábrica

O debate parlamentario sobre Alcoa prodúcese poucas horas antes de que a última hora da tarde deste martes se reúnan en Madrid representantes do Goberno central, Xunta, Principado de Asturias e sindicatos para intentar buscar unha solución ao anuncio de peche das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. O comité de empresa da Coruña confía en que se suspenda o ERE para poder negociar coa empresa e insiste na importancia de que se garanta o subministro eléctrico e a continuidade do traballo na fábrica, xa que parar e retomar a actividade suporía uns gastos moi elevados para Alcoa que poderían servir novamente de argumento para unha nova ameaza futura de peche.

A deputada popular Marta Novoa defendendo a iniciativa sobre axudas eléctricas a fábricas como Alcoa Dominio Público @GrupoPopularGal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.