O PP vota en contra de evitar que os galpóns computen á hora de pedir bolsas

Un galpón © http://mekanoestructuras.cl/

Hai dous días a Xunta anunciou a súa intención de remitirlle unha carta ao Goberno central, para pedir que se faga "unha excepción" na aplicación do Decreto 595/15, que establece os límites de renda e patrimonio familiar para a solicitude de bolsas de estudo e que, na práctica, poden deixar fóra a practicamente todas as familias do rural galego. Isto é debido a que, no marco do plan de inspección de Facenda 2013-2016, granxas, galpóns, invernadoiros e naves son obxecto dunha regularización extraordinaria, computan agora nos patrimonios familiares. ademais de ter que pagar o IBI.

Para os socialistas esta toma de postura demostra que "a carta remitida pola Consellería esta semana ao Ministerio e anunciada nos medios non deixa de ser mera propaganda”

Porén, este xoves o PSdeG-PSOE realizou esa mesma petición no Parlamento -que galpóns e galiñeiros deixen de computar para pedir bolsas de estudos-, e o PP votou en contra. Para os socialistas esta toma de postura demostra que "a carta remitida pola Consellería esta semana ao Ministerio e anunciada nos medios non deixa de ser mera propaganda”. O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, acusou o PP de "negar no Parlamento o que dous días antes viñan de anunciar dende o goberno galego". O deputado socialista lembrou que o Decreto 595/15 do goberno central establece uns límites de renda e patrimonio familiar "que á hora da verdade impiden que as familias cunha destas propiedades, que en realidade non rendan, poidan pedir bolsas".

En concreto, a suma dos valores catastrais das fincas rústicas non poden superar os 13.130 euros por cada membro, un límite que ascende aos 42.900 euros nas fincas urbanas. García considera unha “auténtica barbaridade” establecer o criterio dos metros cadrados como único baremo para discriminar as axudas aos estudos, xa que, dixo, “o valor catastral é irreal” e alleo ao valor de mercado. Puxo como exemplo un alpendre taxado en 14.000 euros, “que veña alguén e o compre”, subliñou. 

A suma dos valores catastrais das fincas rústicas non poden superar os 13.130 euros por cada membro, un límite que ascende aos 42.900 euros nas fincas urbanas

Os socialistas galegos reclamaron que a Xunta lle traslade ao Ministerio de Educación a necesidade de modificar os criterios para as bolsas e axudas ao estudo “no que se refire aos habitantes do medio rural e ás explotacións agrícolas e gandeiras”. Esixiu considerar “a peculiaridade das mesmas, a variabilidade da súa rendibilidade, e a propiedade como concepto de medio de produción”. Demandou un recoñecemento de que “existen outras baremacións como poden ser as rendas familiares que reflicten de mellor xeito a realidade económica familiar para poder acceder a unha bolsa”.

 

O BNG pide paralizar o 'Catastrazo'

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz reclamou igualmente na comisión de Agricultura, a través dunha Proposición non de lei, paralizar o catrasto no medio rural, manter a exención de tributación do IBI para as instalacións necesarias para a actividade dunha explotación agraria ou gandeira, solicitar a revalorización dos bens inmobles co seu valor real e que en ningún caso, sexa imputado aos propietarios no proceso de revalorización, pagos correspondentes aos catro exercicios anteriores.

A proposta defendida pola deputada contou co apoio de todos os grupos da oposición pero foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular. Tereixa Paz puntualizou na súa intervención que o BNG considera que é necesario actualizar a relación de bens inmobles existentes pero sen que este proceso “constitúa novos trabucos” para as persoas afectadas.

Un galpón © http://mekanoestructuras.cl/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.