O PSdeG pide priorizar a pesca costeira e artesanal na UE

Antolín Sánchez Presedo © Parlamento europeo

O eurodeputado do PSdeG-PSOE Antolín Sánchez Presedo, explicou hoxe en rolda de prensa a posición socialista respecto da Política Pesqueira Común, e detallou o contido das 172 emendas presentadas á proposta de Regulamento de 13 de xullo de 2011. Galicia é a rexión máis importante no sector pesqueiro da UE, e, polo tanto, unha reforma como a que se propón, que vai estar vixente durante tres anos “merece unha reflexión pública dentro do noso país”, dixo

O Parlamento está recibindo as emendas presentadas, o que fai augurar a Sánchez Presedo un atraso sobre as datas de entrada en vigor da reforma, previsto para o 1 de xaneiro de 2013

O Parlamento está recibindo as emendas presentadas, o que fai augurar a Sánchez Presedo un atraso sobre as datas de entrada en vigor da reforma, previsto para o 1 de xaneiro de 2013. Os socialistas inclúen nas súas emendas a adición ao Regulamento dun novo artigo dedicado á pesca costeira, á artesanal e á acuicultura a pequena escala, procurando que a PPC a priorice. Para mellorar esta pesca artesanal e costeira os socialista propoñen tamén a creación dunha etiqueta que faga constar a data de captura, para engadir valor a estes produtos procedentes de mareas de 24 horas.

Os socialistas defenden “un concepto de sostibilidade que teña en conta aspectos económicos, sociais e ambientais. De acordo con esta visión, Sánchez Presedo anunciou a inclusión de emendas para a mellora do emprego, a competitividade, a consecución do marcado único, a protección social e a calidade de vida das zonas pesqueiras.

Sánchez Presedo propón que se compense polas capturas accesorias

No relativo aos descartes, os socialistas queren coas súas emendas que se establezan compensacións por “descargar todo o que se pesca”. Sánchez Presedo propón que se compense polas capturas accesorias. Como solución para as tallas inferiores ao legal, propoñen a non comercialización e a súa distribución a usos sociais, e as non comerciais, “os pescadores deberan obter un aproveitamento que lle compense nos costos a través da elaboración de subprodutos, dos que podan obter algún rendemento”.

Os socialistas tamén emendan as concesións transferibles, co fin de que non se aplique obrigatoriamente á pesca artesanal e á costeira e se teñan en conta criterios históricos para o seu outorgamento, se reserven cotas para os novos entrantes e admitir a transferibilidade a nivel europeo evitando concentración e excluíndo a operadores que non teñan a actividade pesqueira como principal.

Antolín Sánchez Presedo © Parlamento europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.