O recorte aos funcionarios cébase máis en quen menos ten

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

"O maior esforzo váiselle pedir a aqueles coas retribucións máis altas, e será sensiblemente menor para os demais", con esta declaración intentou Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, xustificar o último recorte ao salario dos empregados públicos. Malia que a redución media no soldo será dun 4%, o Goberno galego insiste en vender neste axuste unha suba do 3%, ao comparar as retribucións coas deste ano 2012, nas que a paga de Nadal foi suprimida na súa totalidade.

"Rueda continúa na liña da mentira que iniciou Feijóo", di a CIG, que nega que os recortes sexan proporcionais aos soldos

Para CIG-Administración, Alfonso Rueda "continúa na liña da mentira que iniciou Feijóo" e engade ao argumentario do presidente da Xunta a "mentira" de "dicir que o maior esforzo se pedirá a aqueles coas retribucións máis altas". Para o sindicato nacionalista, o recorte que practica o Executivo galego "non é porcentualmente proporcional ás retribucións, sendo en moitos casos inversamente proporcional ás mesmas".

Así, destaca que en relación aos postos base -os dun subalterno ou un conserxe de instituto- estes teñen un recorte do 4,89%, "superior a calquera posto base dos grupos superiores, incluíndo os do grupo A1 (licenciados universitarios)". Segundo a CIG, tamén ten un recorte superior a un letrado da Xunta e similar ao dun xefe de servizo de libre designación (4,97%), tal e como explica nunha táboa onde se explican os axustes no salarios.

"Dicir que o recorte é proporcional ás retribucións é outra falsidade para vender un recorte inxusto onde se carga máis en quen menos ten"

Ademais, o sindicato nacionalista advirte de que "nos postos que poden ser ocupados por persoal de distintos grupos, o recorte será maior canto máis baixo sexa o grupo ao que se pertence". Así un posto de xefatura de sección terá un recorte maior se quen o ocupa é un administrativo (5,53%) que unha persoa do corpo superior (4,65%), aclara.

"Se dicir que no canto de recorte haberá suba do 3% é unha mentira, dicir que o recorte é proporcional ás retribucións é outra falsidade para tratar de vender un recorte inxusto onde se carga máis en quen menos ten", remata a CIG, que inclúe unha táboa onde se detallan as porcentaxes de redución salariais aplicadas por esta nova medida da Xunta, así como a contía que supón anualmente para cada grupo e nivel.

Porcentaxe de redución salarial respecto de 2012
Nivel A1 A2 C1 C2 E Importe total do recorte
30 5,97%         3.129,40 €
28A 5,26% 5,57%       2.378,24 €
28B 4,97% 5,27%       2.173,32 €
26 4,87% 5,19%       1.961,00 €
25 4,65% 4,98% 5,53%     1.752,36 €
24 4,41% 4,73% 5,29%     1.585,40 €
22 3,94% 4,26% 4,82%     1.293,30 €
20 3,51% 3,82% 4,37% 4,74%   1.056,16 €
18   3,64% 4,20% 4,58%   959,46 €
16   3,65% 4,24% 4,64%   930,98 €
14     4,23%  4,65% 4,83% 889,20 €
12       4,66% 4,86% 847,50 €
10         4,89% 805,76 €

 

Manifestación de empregados públicos ante a EGAP Dominio Público @montiagudo
Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.