"O reparto da PAC mantén o agravio a Galicia; é unha total decepción"

Roberto García (UUAA) e Isabel Vilalba (SLG) © SLG

Xunta e PPdeG coinciden en sinalar que "Galicia non perde" logo do consenso básico que as comunidades autónomas e o ministro Arias Cañete acadaron para determinar a aplicación da Política Agraria Común (PAC) entre 2015 e 2020  no Estado. O país contará con fondos destinados a pagos directos por uns 160 millóns ao ano e Medio Rural presume de que se incrementan en 33 millóns os pagos acoplados ao sector lácteo, que se elevarán a 93. No entanto, PSdeG, AGE e BNG denuncian a "discriminación" do agro galego e coinciden co Sindicato Labrego Galego (SLG) e Unións Agrarias (UUAA) en que os criterios de reparto seguen marxinando o territorio. Iso e moito máis. Así o cren os seus secretarios xerais, Isabel Vilalba e Roberto García, que debullan aquí un pacto que teima, segundo eles, nos problemas para o rural galego.

É bo o reparto da PAC para Galicia?

Isabel Vilalba (SLG): É unha absoluta decepción. É moi difícil de entender que no momento actual se manteña unha cantidade de subvencións moi dificiles de xustificar socialmente porque van parar a grandes terratenentes e a empresas millonarias. Ademais, non se prevé ningunha medida para apoiar o emprego no agro, nin tan sequera para os mozos que se incorporan á agricultura ou á gandería e que manteñen vivo o rural.

Roberto García (UUAA): Por primeira vez, podiamos cambiar os criterios de reparto que nos marcaba a UE para evitar ese agravio comparativo que sofre Galicia. Hai menos cartos a repartir -pasamos de 5.500 millóns a 4.800 en todo o Estado- pero a cifra sería suficiente sempre que destinemos os fondos aos agricultores e gandeiros reais, ás empresas ou persoas físicas que viven e traballando do agro, tal e como fai Francia. Ante a cidadanía, estas axudas aparecen agora deslexitimadas porque entendo que haxa quen se pregunte como cos nosos impostos podemos estar pagando a agricultores de sofá. Ademais, tamén perdemos unha oportunidade histórica de acabar coa marxinación de Galicia, que apenas recibe o 3% do montante total español cando por dedicación representamos o 16% das persoas físicas que viven directamente do agro.

"Perdemos  unha oportunidade histórica de acabar coa marxinación de Galicia e evitar que cobren os agricultores de sofá"

Pero Goberno central e Xunta presumen de que por fin se define o que é un agricultor activo.

I. V.: Parécenos unha burla. Preténdese dicirlle á sociedade que se está a determinar correctamente a actividade agrícola pero búscase a maneira de desvirtualo. Miran só os ingresos agrarios desa persoa ou entidade e exíxenlle un 20% de ingresos da propia actividade para poder ser perceptor das subvencións da PAC. Ou sexa, pode cobrar un 80% de axudas públicas xustificando só que un 20% dos seus ingresos proveñen da actividade agrícola. A Casa de Alba ou a familia Domecq, entre moitos outros, teñen fácil xustificar ese 20% e seguir cobrando. E estamos falando de xente que cobra ata 2 millóns de euros anuais. É inxustificable para a xente que sofre e ten salarios reducidos que isto ocorra. Pero é que na negociación tampouco se quixo saber nada de poñer un tope a eses fondos vinculándoos á actividade ou que as axudas fosen progresivas primando as primeiras hectáreas e a creación de emprego.

R.G.: Este sistema permite que, por exemplo, Amancio Ortega poida cobrar axudas da PAC, xa que en nada inflúen os ingresos que se teñan doutras actividades sempre que se demostre unha factura do 20% dos ingresos agrarios para poder cobrar o 80% dos ingresos en subvencións comunitarias. En definitiva, podes ingresar 400.000 euros dos fondos da PAC xustificando tan só 40.000. Estamos prostituindo a figura do agricultor activo. Tamén se exixen cinco hectáreas por vaca para acceder ás axudas e pode darse o caso de que en Galicia, onde a media das explotacións é de 15 hectáreas,  un gandeiro con tres vacas poderá xustificar as subvencións mentres prexudica ao veciño do lado, ao que ademais non cede pastos.

"A Casa de Alba ou os Domecq teñen fácil seguir recibindo subvencións; Amancio Ortega tamén podería cobrar axudas da PAC"

A Xunta tamén destaca que Galicia recibe máis fondos.

I.V.: Non entendemos ese triunfalismo porque o que se consolida é o statu quo actual en canto a un criterio baseado na superficie territorial e tamén en canto aos grandes perceptores que se seguirán beneficiando destas axudas sen ter actividade agrícola. Son os criterios  históricos que se manteñen e Galicia sempre foi a comunidade onde a contía das axudas directas por activo era menor. E iso segue a ser así. Ademais, non hai axudas para sectores como a horta, ao que se incorpora moita xente nova, ou no ámbito do leite, que é básico e onde tampou hai avance ningún para garantir un mercado cuns prezos non volátiles e que cubran os gastos de produción.

R.G.: Se tiñamos 5.5000 millóns para todos e agora temos 4.800 e non expulsamos a ninguén que non reunía os requisitos fundamentais, os criterios son os históricos de sempre e temos a base territorial  máis baixa de todo España, como é posible que ninguén perda, tal e como di a conselleira de Medio Rural? Porque tamén está o tema das rexións agronómicas, un tema escuro e do que non se aclarou nada, pero que é unha lotaría. Cada gandeiro pode perder ata o 35% de fondos segundo a rexión na que lle toque. Se esta medida fose positiva e a poucos meses das eleccións europeas, non sairía o Goberno a presumir dela? Se non o fai é por algo.

"Non  hai axudas para a horta nin hai avances para garantir un mercado lácteo non volátil"

Desde o Executivo galego asegúrase tamén que Galicia terá 33 millóns máis en axudas para a produción láctea grazas ao aumento nos pagos acoplados, é así?

I.V.: É certo pero é unha media verdade porque a maioría dos importes que viñan da etapa anterior non só chegaban desas axudas acopladas, senón polo pago único, que era unha axuda desacoplada. Así que é moi probable que explotacións gandeiras con superficies moi reducidas comparadas con outras zonas, cobren menos que no período anterior. A axuda acoplada é só unha parte, a maioritaria viña polo pago único e agora vail vir determinada pola superficie da explotación e xa sabemos que en Galicia non son tan grandes como noutras zonas do Estado. A instauración das rexións agronómicas, que tampouco se explicou ben, tamén é un perigo porque darase a circunstancia de que explotacións semellanets, pero encadradas en diferentes zonas, cobren cantidades moi diferentes.

R.G.: O pago acoplado pode compensar algunha perda a algunhas explotacións gandeiras, pero mentres outras subvencións son fixas ata 2020, o acoplamento no caso dos gandeiros só se mantén a expensas de que non haxa algunha catástrofe sanitaria ou problema maior que obrigue a desviaros cartos. Ademais, antes dábase a subvención por  quilo de cota e agora o criterio baséase no número de vacas ou nestes pagos extras. Pero o tema é que motios dos gandeiros que compraron cota e se endebedaron van ser expropiados, porque o sistema de cotas desaparece en 2015 e pasaremos a un mercado de libre produción onde franceses e alemáns tamén van producir o que eles queiran, pero cunha diferenza: sen as débedas que teñen os gandeiros de aquí, en mellores condicións e podendo colocar os seus sobrantes nun mercado como o español, que segue a ter un enorme burato, e a un prezo sensiblemente inferior p orque eles xa teñen a súa renda garantida porque cobrarán o dobre ou triplo ca un gandeiro galego. E por que? Porque Francia reparte os fondos da PAC entre agricultores e gandeiros activos de verdade e non se basea en criterios históricos como España. O Estado francés reparte as subvencións entre 370.000 agricultores, fronte ao case 1 millón do Estado español, malia que alí hai máis xente que traballa no agro.

"A Xunta non defendeu os intereses de Galicia, senón outros; non sei se nos pretenden enganar ou se dan por conformes con este acordo"

Daquela, por que a Xunta amosa ese triunfalismo cos acordos arredor da PAC?

I.V.: A Xunta non defendeu os intereses de Galicia, senón outros. Este non é un reparto lexítimo da PAC e xa comprobamos como todos os intereses estaban en seguir consolidando o modelo anterior.

R.G.: Eu non sei se nos pretenden enganar coas súas declaracións ou é que de verdade se dan por conformes con este acordo. O caso é que agora teremos que explicarlle á xente as cousas para que ninguén se sinta agredido ao ver como agricultores ficticios ou de sofá seguen a cobrar dos nosos impostos.

Roberto García (UUAA) e Isabel Vilalba (SLG) © SLG
Uso da forraxe nunha explotación láctea galega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.