20 de maio de 2002. Directivos das "principais empresas do sector" da electrificación de liñas do tren reúnense para pechar un acordo. Están representadas compañías como Cobra, Cymi, Elecnor, Electrén, Inabensa, Isolux, Moyale, Semi, Siemens e Vimac.
O pacto é "repartírense" os contratos das obras de mantemento dos sistemas de electrificación en liñas de tren convencional que ten en marcha a empresa pública Renfe. Para facelo idean un sistema. "Un sorteo previo entre todas elas", ao que denominan "ranking", para garantiren que todas saen gañando a partir duns determinados baremos.
Competencia vén de impoñer multas a 15 empresas que suman 118 millóns de euros por crearen "tres cárteles para falsear a competencia nos concursos públicos" de obras ferroviarias
As probas da súa creación achounas a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) nunha inspección á sede de Electrén, do grupo ACS, en xullo de 2016. Constitúen un dos xermolos da rede de "reparto ilícito de concursos públicos" pola que ata 15 empresas e 14 directivos veñen de ser sancionados con 118 millóns de euros, no caso das compañías, e 666.000 euros, os responsables empresariais. O organismo regulador dá por probado que todas elas formaron "varios cárteles" para distribuírense obras ferroviarias; entre elas, máis de 30 millóns de euros en contratos da liña de alta velocidade Ourense e Santiago.
O expediente da CNMC asegura que un contrato de 29 millóns da liña Ourense-Santiago entrou no "ámbito do acordo acadado" entre as empresas sancionadas, aínda que xurdiron "desavinzas" sobre como repartilo
Nun documento de máis de 300 páxinas a CNMC debulla unhas prácticas "ilícitas" que se estenderon durante 14 anos coa creación de "tres cárteles para falsear a competencia nos concursos públicos". Un deles centrouse no reparto de obras de "construción, subministro, instalación e mantemento" de sistemas eléctricos das redes de alta velocidade. Outro, na devandita "manipulación dos concursos para o mantemento dos sistemas de electrificación" de liñas convencionais. E o terceiro, para "repartirse os concursos" de construción, subministro, instalación e mantemento de "equipos electromecánicos de liñas de alta velocidade". No primeiro e no terceiro figuran traballos da liña Santiago-Ourense.
Segundo a documentación do expediente que vén de desembocar na multa de competencia a empresas e directivos, o contrato máis cuantioso da liña Santiago-Ourense incluído nestas prácticas irregulares remóntase a unha licitación de decembro de 2009 para a "construción e mantemento da liña aérea de contacto do Eixo Ourense-Santiago do Corredor Noroeste de Alta Velocidade".
No "ámbito do acordo acadado" entre as empresas, explica competencia, "Cobra, Elecnor e Semi decidiron repartírense esta licitación", aínda que xurdiron "desavinzas" entre Elecnor e Cobra polas que acabaron concorrendo por separado e estudando outras alternativas para repartir o que gañasen. Finalmente o contrato logrouno Elecnor en solitario por un total de 29,8 millóns de euros, indica a documentación de Competencia, e a empresa esgrimiu este feito como dato para defender que actuou correctamente.
Pero nun documento incautado á empresa en marzo de 2011 "consta o reparto de volume e marxe de certas licitacións, entre as que se atopa esta" e "inclúe neste reparto a Electren e Alstom". Esta segunda empresa, Alstom, facilitou por iniciativa propia correos electrónicos á Comisión da Competencia acolléndose ao seu Programa de Clemencia, unha vía pola cal as empresas poden ver reducidas as súas sancións se colaboran no desartellamento de cárteles coma este.
Instalacións de seguridade nos túneles da liña Ourense-Santiago
A outra referencia á liña Ourense-Santiago dentro das prácticas "ilícitas" destas empresas atinxe a catro contratos co concepto "Mantenimiento instalaciones de protección civil y seguridad de los túneles de LAV Orense a Santiago de Compostela", segundo consta literalmente no expediente. Este servizo foi adxudicado por primeira vez en 2011 a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Alstom, Indra Sistemas de Seguridade.
Alstom e Indra "coordinaron as súas estratexias para repartírense" catro prórrogas do mantemento das instalacións de seguridade nos túneles da liña Ourense-Santiago
Cando concluíu o contrato, en 2015, ADIF "acordou a súa extensión". Puxo en marcha catro contratos con cadanseu mes de duración, de agosto a novembro dese ano, e "convidou" a Alstom e Indra para que "presentasen ofertas a cada unha" das catro licitacións. "Diante desta situación", ambas empresas "coordinaron as súas estratexias para repartírense estas catro prórrogas". Segundo correos electrónicos intervidos por Competencia, o acordo consistiu en presentaren ofertas lixeiramente por baixo do máximo ofrecido por Adif e con diferenzas de 50 ou 100 euros entre elas para así predeterminar quen gañaría.
Efectivamente, Indra logrou dous contratos por 70.059 e 69.214 euros e Alstom, os outros dous por 69.333 e 69.449 euros. En cada contrato logrado por unha das empresas constan, como "ofertas de cobertura", propostas lixeiramente máis caras por parte da empresa que se presentaba sabendo que a gañadora ía ser a súa aparente competidora.
Empresas multadas e prohibición de contratar coa Administración
Alstom líbrase das multas pola información que achegou á investigación e, "polo mesmo motivo", as sancións a Siemens redúcense
Por prácticas coma estas a CNMC impuxo as devanditas multas por importe total de 118 millóns de euros a Cobra, Elecnor, Siemens, Semi, Inabensa, Alstom, Cymi, Isolux, Electren, Comsa, Indra, Neopul, Telice, Eym e Citracc e os mencionados 666.000 euros aos seus directivos. Pola súa colaboración no esclarecemento dos feitos Alstom líbrase de pagar os 8,8 millóns que lle corresponderían e os seus directivos multados tampouco terán que abonar as sancións por 155.700 euros que lles corresponderían. "Polo mesmo motivo", Siemens ve reducida a multa nun 45%, que queda en 9,24 millóns.
Na súa información sobre a multa a CNMC explica ademais que "activou o procedemento de contratar coa Administración" para as empresas sancionadas. Para facelo remitiu o procedemento á Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado. Este veto, non obstante, entraría en vigor cando as sancións sexan firmes definitivamente e, aínda que as compañías xa non poden recorrer pola vía administrativa, si poden facelo ante a Audiencia Nacional e, en última instancia, ante o Tribunal Supremo.