O respiro da Semana Santa non agocha o aumento da precariedade e a exclusión en Galicia

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

O paro descende un chisco en Galicia no mes de marzo, pero faino como consecuencia clara dos contratos temporais de Semana Santa e dando un pequeno respiro que non parece rematar coa tendencia negativa que levou o país a sumar case 15.000 desempregados máis que hai un ano. O diferencial positivo co conxunto do Estado séguese a consumir, mentres os datos advirten da alta precariedade e do risco de exclusión social que sofren milleiros de cidadáns.

De incluírse nas estatísticas os parados anotados nun curso de formación, o número de desempregados achegaríase aos 310.000

Segundo os últimos datos do Ministerio do Emprego, en Galicia hai 291.187 persoas rexistradas nas oficinas públicas de emprego, un 0,5%  menos qeu no mes de febreiro, pero un 5,6% máis que hai un ano. No entanto, de incluírense na lista os parados que están anotados nun curso de formación e que non son tidas en conta no cómputo global, o número de desempregados achegaríase aos 310.000.

En canto ao número de contratos, rexistráronse no pasado mes 43.270 nas oficinas de emprego do país, o que supuxo un incremento do 6% con respecto a febreiro, pero un descenso do 8,6% se o comparamos con hai un ano. Se nos fixamos no tipo de contratación, os datos son aínda máis graves. Tan só un de cada dez contratos asinados (o 9,77% concretamente) é indefinido, unha cifra que baixa un 3,9%, mentres que a temporalidade medra máis do 7%.

Tan só un de cada dez contratos asinados en Galicia en marzo era indefinido

Así o denuncian sindicatos CCOO, UGT ou CIG, que destacan os efectos nocivos que está a crear a reforma laboral, que aumenta a destrución de emprego e incrementa tamén a precariedade, e que inciden na estacionalidade da baixada do desemprego. Ademais, a central nacionalista repara no feito de que dos 39.044 contratos eventuais asinados no mes de marzo só se traduciron nunha creación de emprego neto de 1.636 postos de traballo.

Hai 1.636 parados menos, pero 1.370 deles correspóndense co sector servizos e coas vacacións de Semana Santa

O secretario confederal de Emprego da CIG, Antonio López Rivera, considera que estamos "ante unha situación realmente preocupante, dada a elevadísima temporalidade". Así, manifesta que “en ningún caso podemos tomar con optimismo estes datos porque son puramente estacionais” e salienta que, de feito, dos 1.636 parados menos, 1.370 correspóndense co sector servizos. “Sospeitamos ademais que parte da diminución de parados rexistrados ten que ver co traballadoras e traballadores que optan pola emigración á busca dun posto de traballo”, advirte, ao igual que o resto de centrais sindicais, que alertan da diáspora que está a sufrir a mocidade galega.

A diminución do paro xuvenil débese, segundo os sindicatos, á marcha á diáspora de milleiros de mozos galegos

É por iso, segundo alertan os sindicatos, polo que o desemprego entre os menores de 25 anos diminuíu un escaso 0,46% en marzo e case un 11% con respecto hai un ano, unhas cifras que só son posibles tendo en conta os milleiros de mozos que marchan do país e deixan de contar nas estatísticas dos apuntados nas oficinas públicas de emprego.

Ademais, tal e como apunta a CIG, durante o mes de febreiro, un total de 124.131 persoas carecían de prestación, un dato que "da unha idea do perigo, cada vez maior, de exclusión social que hai en Galiza, onde non se adoptan medidas que permitan paliar esta situación".

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, destacou no entanto que o deste ano foi "o mellor mes de marzo" desde 2008, aínda que valorou "con cautela" os datos do paro en Galicia. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, ve no descenso "un respiro nuns momentos difíciles" pero atribúeo ao influxo da Semana Santa.

Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) advirte de que o dato é "conxuntural" e que "o problema segue". O voceiro da coalición, Xosé Manuel Beiras, destacou que o descenos no paro "é como a temperatura dun termómetro, que sobe e baixa cando se está enfermo; neste caso, sempre marca temperaturas moi altas porque o paro segue sendo un grave problema en Galicia".

Traballador da construción nun tellado en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.