O sector pesqueiro galego enfronta unha semana decisiva

Bieito Lobeira, cos representantes dos mariñeiros CC-BY-NC-SA BNG

A eurodeputada Ana Miranda e o deputado Bieito Lobeira liderarán unha ampla delegación do sector pesqueiro e marisqueiro galego que o martes se reunirá coa comisaria de Pesca, a grega Maria Damanaki. Os traballadores e traballadoras exporánlle a Damanaki as "singularidades" do sector galego e esixirán o seu dereito a faenar "en pé de igualdade". Ana Miranda destacou que se trata do momento "álxido", pois as propostas lexislativas entraron na Eurocámara en xaneiro deste ano e cre que "a reforma vai chegar tarde" con respecto ao calendario fixado pola Unión Europea, o ano 2013.

Na xuntanza estarán representadas a Federación Galega de Confrarías, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Asoar-Armega, CIG-Mar, a Asociación de Pesca Artesanal de Laxe, mexilloeiros de Cabo de Cruz, a Federación Galega de Redeiras, mariscadores a pé de Barallobre, a Cooperativa de Pesca Artesanal Cíes e as confrarías de Sada, Barallobre, Cedeira, A Coruña, Malpica, Redondela e Camelle.

Ana Miranda presentou un cento de emendas, centradas por exemplo en incrementar e límite máximo para considerar parte da frota artesanal unha embarcación

Unha vez finalizado o prazo de emendas, a Reforma da Política Pesqueira Común (PPC) continuará o seu debate na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. A previsión é votar este documento, coas emendas que se incorporen, a mediados do mes de outubro, de ahí pasaría ao seu debate e aprobación no Plenario da Eurocámara, onde a previsión é que se vote a finais do mes de novembro. Ana Miranda presentou un cento de emendas, centradas por exemplo en incrementar e límite máximo para considerar parte da frota artesanal unha embarcación. 

A proposta inicial de doce metros de eslora, deixaría fóra unha parte importante das 4.380 embarcacións que integran a frota galega. A proposta nacionalista de 15 metros, engadindo ademais outro criterio opcional: que realicen mareas que non excedan as 36 horas de duración, permitiría a inclusión da práctica totalidade dos barcos galegos. O BNG tamén se opón con firmeza ás cotas de pesca transferibles, pois considera que se trata da privatización dun ben público.

Bieito Lobeira afirmou que o BNG se sente "obrigado a actuar case coma se fose Goberno", lamentando que o Goberno galego "non fose capaz" de levar ao sector ante Damanaki

Pola súa banda, Bieito Lobeira afirmou que o BNG se sente "obrigado a actuar case coma se fose Goberno", lamentando que o Goberno galego "non fose capaz" de levar ao sector ante Damanaki para "entrar no corazón da besta". Lobeira responsabilizou á Xunta de que non fose "posible" alcanzar unha posición unitaria entre todas as forzas políticas, o sector e a Xunta, por discrepancias en cuestións como a acuicultura industrial e as cotas tranferibles.

 

"Incapacidade de xestión"

Soneira reclamou a comparecencia de Rosa Quintana e presentou unha interpelación no Parlamento sobre o que considera "fracaso do Goberno galego"

Mentres, o PSdeG-PSOE acusa a Feijoo de deixar a mariñeiros e mariscadores "en situación crítica" pola súa "incapacidade de xestión". A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Marisol Soneira, reclamou a comparecencia de Rosa Quintana e presentou unha interpelación no Parlamento sobre o que considera "fracaso do Goberno galego".

Soneira afirmou que a “incapacidade de xestión” do Goberno galego chega ao punto de que hoxe mesmo o presidente da Xunta teña concertado unha xuntanza co Ministro de Agricultura "sen incluír na orde do día un só asunto relativo a este sector". Lamentou que o presidente estea “mais preocupado de preguntarlle ao primo de Zumosol cándo convoca eleccións que dos intereses dos galegos”.

Os socialistas denuncian que o sector perdeu un total de 3.469 afiliados nos últimos catro anos

A responsable socialista advertiu que o sector, que xera en torno a 40.000 empregos, perdeu un total de 3.469 afiliados ao réxime especial do mar –que pasou dos 26.038 en 2007 aos 22.569 de 2011- dende que Feijóo tomou posesión, mentres as conserveiras están “ao borde do ERE”. Dixo que mentres a pesca galega se atopa nunha “situación crítica”, catro anos despois “non coñecemos cál é o proxecto que ten Feijóo para esta actividade fundamental para a economía, o emprego e a estabilidade social". Así o evidencia, dixo, a “desaparición da propia Consellería de Pesca como tal”, logo da última remodelación do Goberno, unido a unha “incapacidade manifesta para xestionar os recursos da UE”.

A parlamentaria socialista cualificou ademais de “esperpento” a negociación da UE con Mauritania, que finalizou coa expulsión da flota galega dese caladoiro, poñendo “a guinda a unha xestión desastrosa dos asuntos pesqueiros”.

Bieito Lobeira, cos representantes dos mariñeiros CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.