O SLG alerta da falta de seguros agrarios que cubran os danos do mildiu que arrasa os viñedos de Valdeorras

Viñedo en Galicia CC-BY-SA M.Peinado

A comarca de Valdeorras sufriu neste 2018 un ataque masivo do fungo mildiu, provocando unhas perdas medias de entre o 30% e o 40% por explotación, segundo as estimacións do vocal do Sindicato Labrego Galego no Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Antonio García Fernández. Trátase dunha das pragas máis problemáticas e agresivas que poden afectar ao cultivo da vide. 

Neste 2018 déronse as condicións climatolóxicas ideais para o desenvolvemento do fungo

Aínda que os ataques por mildiu adoitan ser comúns noutras denominacións de orixe, ás que tamén están asolando este ano, en Valdeorras non é tan frecuente. Porén, neste 2018 déronse as condicións climatolóxicas ideais para o desenvolvemento do fungo: primavera con intensas e continuas choivas, temperaturas en xuño que non superaron os 30° e floración tardía e moi irregular que non deixaron desenvolver os acios por rotura da flor. Ademais, a causa das intensas choivas, non foron efectivos os tratamentos fitosanitarios porque a folla quedaba lavada antes de que o produto aplicado fose efectivo.

O SLG esixe que o mildiu sexa unha praga subvencionable e asegurable como xa o é noutras comunidades do Estado

O problema agrávase porque esta enfermidade da vide non ten cobertura en Galicia en ningunha das modalidades existentes, alerta o SLG. A explicación que se da dende Agroseguro é que sería moi doada a fraude con deixar as vides sen tratar para despois dar parte e cobrar o seguro. Para o Sindicato Labrego Galego, esta actitude das aseguradoras "é totalmente rexeitable", xa que "ademais de deixar sen cobertura as parcelas, criminalizan o sector augurando prácticas fraudulentas que, en caso de darse, serían moi doadas de detectar porque se pode saber se unha vide recibiu os tratamentos necesarios para evitar a enfermidade ou non".

O sindicato tamén acusa as distintas administracións de "lavar as mans e deixar o sector vitícola desamparado"

O SLG esixe que o mildiu sexa unha praga subvencionable e asegurable como xa o é noutras comunidades do Estado (Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Illas Baleares, Madrid, Murcia e Valencia). O SLG critica que as liñas de seguros agrarios que se deseñan en Madrid para todo o Estado non sempre se adaptan á realidade galega, "pois hai moitos sectores da nosa terra, especialmente o do viño, que se atopan desamparados ante situacións de crise coma esta por non poder contratar seguros que cubran os riscos aos que están expostos".

O sindicato tamén acusa ás distintas administracións de "lavar as mans e deixar o sector vitícola desamparado" e critica que a Consellaría de Medio Rural se escude nos seguros "para non apoiar as viñas damnificadas".

 

Efecto do Mildiu CC-BY-SA 11299883

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.