O Supremo obriga a conserveira Calvo a pagar 9,7 millóns a Facenda por fraude arancelaria na importación de atún

Instalacións da conserveira Calvo en Carballo © Grupo Calvo

O Tribunal Supremo vén de desestimar o último recurso presentado pola conserveira Calvo para evitar abonar 9,7 millóns de euros a Facenda tras un longo litixio con Aduanas. A conserveira con sede en Carballo terá que afrontar o pago desta cantidade. Contra a sentenza do Supremo, adiantada por eldiario.es, non cabe recurso.

A orixe do litixio entre o grupo internacional de alimentación e o departamento de Aduanas da Axencia Tributaria remóntase a 2009. Aquel ano, a Oficina Antifraude da Comisión Europea (OLAF) efectuou unha investigación na filial do grupo Calvo en El Salvador, entre outras atuneiras "por sospeitas de fraude na importación de produtos procedentes da transformación do atún".

A condena ten a súa orixe en nunha investigación iniciada hai unha década pola Oficina Antifraude da Comisión Europea 

Querían comprobar a orixe real das materias primas utilizadas para a produción de lombos de atún conxelados e para o atún enlatado exportado á Unión Europea e que segundo o grupo de alimentación galego proviñan do citado país centroamericano. Os produtos provenientes de El Salvador, entre outros países, gozan de aranceis máis baixos á hora de seren exportados á UE en virtude dun acordo chamado Sistema de Preferencias Xeneralizadas (SPG).

O que descobre a OLAF, por unha banda, é que a pesar de que Calvo declaraba que os produtos proviñan de El Salvador, dous dos seus barcos, Montelape e Montealegre, entre xaneiro de 2007 e outubro de 2008 estiveron rexistrados nas Seychelles e no país caribeño, cun suposto de dobre abandeiramento. "Polo que as capturas realizadas por ambos os buques durante o período que vai desde xaneiro de 2007 a outubro de 2008 non poden ser consideradas orixinarias de El Salvador, a xuízo da OLAF, non sendo por tanto de aplicación as reducións arancelarias previstas no Acordo SPG", explica o Supremo.

Instalación dunha factoría de Calvo © Grupo Calvo

"A misión conxunta explicou que unha parte significativa da materia prima fornecida polos frigoríficos non podía ser utilizada por Calvopesca na produción de produtos terminados exportados á Unión Europea" cunha etiqueta de orixe salvadoreña

Por outra banda están as capturas de atún realizadas por determinados barcos alleos ao grupo e posteriormente importadas en El Salvador desde Costa do Marfil co fin de incorporalas ao seu proceso produtivo, e exportar o produto rematado á Unión Europea ao amparo das reducións arancelarias. A este respecto, a OLAF fíxase na composición das tripulacións dos barcos que realizaron as capturas para determinar que incumprían os requisitos para recibir as exencións aduaneiras.

"A misión conxunta explicou que unha parte significativa da materia prima fornecida polos frigoríficos non podía ser utilizada por Calvopesca na produción de produtos terminados exportados á Unión Europea" cunha etiqueta de orixe salvadoreña que a eximía do pago de aranceis, di o Supremo.

Efectuada a investigación da OLAF, a Dependencia Provincial de Aduanas e Impostos Especiais da Coruña, porto ao que chegan as latas de atún e os lombos conxelados en barcos desde El Salvador, comproba 53 liquidacións de Calvo Conservas en 2007 e 2008 polas súas importacións desde o citado país. "En todos os casos, as importacións estaban amparadas polos certificados de orixe preferente, emitidos polas autoridades competentes de El Salvador, polo que todas elas se beneficiarion da aplicación dun tipo arancelario do 0%", di a sentenza.

É daquela cando se reclama á conserveira que pague os impostos correspondentes a importar produtos que pola súa orixe non daban lugar a beneficiarse da rebaixa arancelaria, e comeza a batalla legal na que a conserveira foi recorrendo sucesivas sentenzas do Tribunal Económico-Administrativo (TEAC) e da Audiencia Nacional e que tamén pasou por Bruxelas.

A Dirección Xeral de Aduanas "instou unha solicitude de condonación ou perdón da débeda tributaria de Calvo á Comisión Europea e pediu a suspensión dos recursos ante os tribunais españois, que quedaron paralizados", relata a compañía galega.

Nun momento dos litixios (o asunto dividiuse en seis recursos), a Audiencia Nacional sentenciou resolveu un dos asuntos a prol de Calvo "declarando que actuara de boa fe", recalca a empresa, contactada por eldiario.es. Aínda que noutra sentenza posterior, de 2017, ese mesmo tribunal resolve que si houbo fraude e deben pagar 9,7 millóns.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Aduanas "instou unha solicitude de condonación ou perdón da débeda tributaria de Calvo á Comisión Europea e pediu a suspensión dos recursos ante os tribunais españois, que quedaron paralizados", relata a compañía galega.

Con todo, en abril de 2014 a Comisión Europea resolveu non condonar a Calvo a débeda arancelaria. Por fin, tras a resolución do Supremo, datada o 4 de xuño, agora Calvo Conservas deberá pagar os 9,7 millóns que se lle reclamaban.

Un barco da frota de Calvo © Grupo Calvo

Calvo xa está preparada para afrontar o pago

Na devandita resposta Grupo Calvo considera que non cabe cualificar como "fraude" as súas actuacións e afirma que o 100% das importacións á Unión Europea dos seus buques e fábricas en El Salvador que foron postas en cuestión pola OLAF e a Dirección Xeral de Aduanas, "cumprían os requisitos da normativa aduaneira".

Calvo considera que non cabe cualificar como "fraude" as súas actuacións e asegura que recibe "un tratamento contrario ao Dereito" tras padecer "indefensión"

Ademais, Grupo Calvo considera, "con respecto e acatamento da sentenza, que recibe un tratamento contrario a Dereito" e lamenta que a iso se engade a indefensión que se causou sobre Grupo Calvo cando Aduanas abriu ante a Comisión e un tribunal da UE un procedemento paralelo ao seguido nos tribunais españois". Por esta "indefensión" a empresa vai estudar presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional, aínda que a propia sentenza de Supremo é firme e non admite recurso.

En 2017, Grupo Calvo, "seguindo o criterio de prudencia, provisionou o total da contía reclamada de modo que non existirá ningún prexuízo económico adicional no presente exercicio", engaden. Ese ano o grupo conserveiro provisionou nas súas contas 19 millóns de euros por se debían facer fronte ao pago destas débedas tributarias.

Ese ano a Audiencia Nacional rebaixou a reclamación inicial da Axencia Tributaria desde 17 millóns aos 9,7 millóns que agora van pagar. Ademais, a empresa hipotecou a marca "Calvo", xunto a avais bancarios e propiedades inmobiliarias por valor de 29 millóns, segundo reflicten as contas da sociedade Calvo Conservas, SLU correspondentes a 2017.

En 2018, o grupo rexistrou unha caída do 21% do beneficio bruto de explotación, que ascendeu a 40 millóns en 2018. A análise que fixo a compañía é que se viron lastrados polo descenso dos prezos do atún, pola subida do prezo do combustible, e por un estancamento xeneralizado do consumo en Brasil e Arxentina, unido á depreciación da moeda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.