O temor á lista Falciani dispara a recadación de Facenda

Rafael del Pino (Ferrovial) é noticia pola fortuna ocultada en paraísos fiscais © El Diario

A Lista Falciani, exista ou non, é un bálsamo para as contas e o gasto do Estado. A súa soa mención está a xerar un efecto preventivo entre os ricos españois que están a regularizar, motu proprio, a súa situación co fisco, co consecuente aforro en litixios e inspeccións para os funcionarios de Facenda.

O efecto Falciani xa causou un primeiro impacto recadatorio en 2010 que apenas levou esforzo por parte do Estado, cando chegou a primeira parte da lista cos datos de 659 defraudadores desde Francia

O efecto Falciani xa causou un primeiro impacto recadatorio en 2010 que apenas levou esforzo por parte do Estado, cando chegou a primeira parte da lista cos datos de 659 defraudadores desde Francia. A Axencia Tributaria marcou o teléfono dos grandes despachos de avogados e advertiulles: o seu cliente está na lista, convidámolo a regularizar a súa situación. A resposta foi na maior parte dos casos instantánea, con regularizacións tan cuantiosas como a da familia Botín, que achegou algo máis de 200 millóns de euros pola súa fortuna en Suíza. Os 300 millóns que logrou recadar o Estado nun primeiro momento fixéronse sen apenas gasto por parte da Administración Pública. Os ricos preferiron renderse á evidencia e afrouxar o desviado.

Despois desta primeira quenda de regularizacións, a lista seguiu sendo un cebo colosal para destapar a fraude fiscal. Así, a declaración especial de bens estranxeiros, coñecida como a 720, tivo un grande éxito baixo a premisa, difundida interesadamente, de que estes bens se cotexarían coa famosa lista.

De novo, os despachos de avogados recomendáronlles aos seus clientes que aflorasen os seus bens no estranxeiro, baixo pena de que ao ser pillados in fraganti, a multa por parte de Facenda sería moito maior. Unha vez acabadas estas tres redadas voluntarias -a da 2010 con Botín, a amnistía fiscal e a declaración especial-, Facenda sacou, esta vez si, a artillaría pesada e comezou a tirar da lista. Pero esta vez en serio.

Esta mesma semana dábanse a coñecer dous casos de distracción fiscal que, segundo fontes coñecedoras da información, están conectados coa inxente cantidade de datos que Hervé Falciani extraeu do banco HSBC. O de maior contía, aínda que menor relevancia social, foi o da regularización dos dividendos empresariais cobrados pola familia Del Pino, dona de Ferrovial, mediante sociedades no estranxeiro, moitas delas en paraísos fiscais, unha primicia de Vózpopuli. A familia Del Pino desmentiu estas informacións cuxa revelación coincidiu no tempo coa acusación da Fiscalía de que Ferrovial (a empresa familiar) chegara a un "pacto criminal" con Convergència a cambio de obras no Palau da Música.

De ser certa a información, os Del Pino empatarían co Botín en contribución forzosa ás arcas do Estado. O certo é que a suposta práctica aplicada polos donos de Ferrovial é moi coñecida en Facenda, isto é, crear sociedades en paraísos fiscais (ou rexións de baixa tributación) para cobrar os inxentes dividendos das súas empresas en España e escapar así ao fisco. Con todo, fontes coñecedoras destas operacións aseguran que até hai uns meses estas operacións eran imposibles de demostrar porque España non dispuña da información suficiente "do outro lado" como para emprender accións contra os que as levaban a cabo.


A rede de Messi

Comparado cos 200 millóns de euros do Botín ou Del Pino, os 4,1 millóns de euros presuntamente defraudados polo arxentino quedan moi curtos a nivel recadatorio, pero a inspección tributaria ao deportista cumpre outra función: a da exemplaridade

Leo Messi, o xogador de fútbol, é o outro caso descuberto esta mesma semana. Comparado cos 200 millóns de euros do Botín ou Del Pino, os 4,1 millóns de euros presuntamente defraudados polo arxentino quedan moi curtos a nivel recadatorio, pero a inspección tributaria ao deportista cumpre outra función: a da exemplaridade.

O ministro Cristóbal Montoro, xa anunciou no principio do ano, frustrado polo escaso éxito da súa amnistía fiscal, que estaba a elaborar unha lista propia na que a relevancia social sería unha das claves. Montoro xa advertiu de que "actores ou deportistas" serían os protagonistas estelares desa lista, que parece que se estreou cun balón de ouro. O certo é que Facenda asegurou que a lista estaría lista para o arranque do segundo trimestre, pero despois do anuncio con bombo e prato, nin se agarda pola lista.

Do mesmo xeito que no caso da familia de construtores, o armazón de sociedades pantalla de Messi sitas en paraísos fiscais era moi difícil de probar até hai pouco para a Axencia Tributaria

Do mesmo xeito que no caso da familia de construtores, o armazón de sociedades pantalla de Messi sitas en paraísos fiscais era moi difícil de probar até hai pouco para a Axencia Tributaria. De novo, esta nova capacidade para atopar as conexións e as probas por parte do fisco español parece ter unha estreita relación coa información extraída da lista.

Polo momento, entre os despachos de avogados esténdese a inquietude polo contido desa lista como unha mancha de aceite. Segundo desvelou un programa francés de investigación a pasada semana, na información de Falciani hai polo menos 1.835 contratos ligados a España. Tres veces a cifra inicial que chegou en 2010. Naquel momento, a fiscalía francesa comezou un proceso de transmisión de datos da lista que quedou interrompido polo Goberno de Nicolas Sarkozy pero que agora se retomou con novos bríos por parte de ambos os dous países.

Só uns evasores se resistirán até o final a facer voluntariamente declaracións complementarias: nos que a orixe dos fondos sexa ilícito, coma nos casos de corrupción ou outro tipo de negocios á marxe da lei. Para eles, en calquera caso, a prescrición dos delitos pode subir até dez anos, así que Anticorrupción e a Axencia Tributaria aínda teñen tempo de cazar os que se resisten ao efecto Falciani. Polo momento, nos xulgados españois xa están a desfilar os integrantes de redes como Gao Ping e Gürtel que se valeron dos mesmos métodos que xente tan brillante na súa profesión como Messi.

Rafael del Pino (Ferrovial) é noticia pola fortuna ocultada en paraísos fiscais © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.