O traballo temporal do verán baixa o paro rexistrado en 12.700 persoas en Galicia

Terraza en Compostela © Santiago Turismo

As vacacións, o verán, o turismo e os empregos na hostalería fan que o paro rexistrado baixase en Galicia en 12.691 persoas durante o pasado mes de xullo, segundo os datos feitos públicos polo Goberno central. O descenso, do 5,5% con respecto ao mes anterior, sitúa a cifra de desempregados apuntados nas oficinas de emprego en 216.371, 23.908 menos que hai un ano (-9,95%). 

Das case 13.000 persoas que abandonaron as listas do paro, o 68,5% fixérono para traballar no sector servizos

Galicia sitúase como unha das comunidades onde máis descende o paro rexistrado, principalmente grazas á temporada estival. De feito, das case 13.000 persoas que abandonaron as listaxes do desemprego, o 68,5% fixérono para traballar no sector servizos. Un total de case 8.700 persoas, fronte ao descenso de 640 persoas na agricultura, as 1.601 na industria, as 1.528 na construción ou as 228 do colectivo sen emprego anterior. 

Desta vez, a baixada no número de persoas rexistradas no paro vai acompañada dun aumento da afiliación á Seguridade Social neste mes de xullo, xa que os contizantes aumentan en 13.948 persoas con respecto ao mes anterior, máis incluso que a cifra de cidadáns que deixou a lista de parados, o que consuma unha creación de emprego, aínda que se basea en contratos temporais e por horas vinculados ao verán. 

Non ocorre o mesmo de compararmos os datos interanuais. O número de cotizantes subiu no país un 2,3% respecto a hai un ano, quedando a cifra media en 957.879 e 21.791 persoas máis, un incremento que é inferior ao do Estado (+3,39%). 

En termos interanuais, o paro baixou máis do que aumentou o emprego no último ano

Xa que logo, segue haber diferenza entre o dato de paro e de afiliación á Seguridade Social. Neste caso, na diferenza interanual, a media de cotizantes no mes de xullo supuxo un aumento de 21.791 persoas, unha cifra inferior ao descenso do número de desempregados rexistrados (-23.908). A diferenza entre aumento de cotizantes e diminución do número de parados rexistrados no último ano é de 2.117, polo que no último ano en Galicia o paro baixou máis do que aumentou o emprego, ao contrario que a a nivel estatal. O ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar todo o perdido durante a crise, aínda que a tendencia virou neste último dato mensual. De feito, unha ollada aos gráficos sitúa o número de cotizantes no país ao mesmo nivel que a comezos de 2012. 

En canto á condición do emprego, nada cambia no panorama. Máis ben a situación empeora. Así, dos 98.931 contratos asinados en Galicia no pasado mes de xullo, tan só 6.035 foron indefinidos, un 6,10% do total. Xa que logo, case o 94% deles (92.896) son temporais e a chegada do outono ameaza con volver mudar a tendencia á baixa do desemprego, máis aínda de ter en conta que o verán está supoñendo un ano récord no turismo tanto no Estado como no país. No último mes, ademais, asináronse 13.660 contratos máis, o que supón un incremento do 16% con respecto ao mes anterior. 

Por provincias, o paro rexistrado descendeu en todas as galegas. A Coruña conta con 4.637 desempregados menos; Lugo, con 1.658; Ourense, con 1.451 e Pontevedra ten 4.945 cidadáns menos demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Galego de Colocación. 

De cada 100 parados galegos, só 52 cobra algún tipo de prestación

En canto á cobertura por desemprego, no mes de xuño de 2015 había 110.279 persoas a cobraren unha prestación por desemprego (son 19.916 prestacións menos que hai un ano) e o peor é que só o 39 % das prestacións son contributivas. A distribución das prestacións por desemprego é a seguinte: 42.840 contributivas, 52.361 xa son subsidios por desemprego, 12.762 da renda activa de inserción e 2.316 do programa de activación de emprego.

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de xuño de 2015 foi do 52,5 %, mentres que un ano antes era do 56,2 %. Polo tanto, en Galicia hai arredor de 100.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. O gasto total das prestacións por desemprego no mes de xuño foi de 86,21 millóns de euros en Galicia, cifra inferior nun 20 % á de hai un ano (107,8 millóns de euros en xuño de 2014). A contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria neste mes de xuño foi de 763,9 euros ao mes (na media estatal sobe ata os 785,5 euros).

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Turistas nas cubertas da catedral de Santiago © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.