O turismo rural segue estancado en Galicia

Viaxeiros e pernoctacións nas casas de turismo rural galegas Dominio Público Praza Pública

Decote preséntase o turismo rural como un modelo alternativo de turismo, de calidade (fronte a cantidade), cun elevado nivel de gasto por viaxeiro, oposto ás masificacións e, ademais, que permite unha distiribución dos e das viaxeiras por todo o territorio, converténdose nunha interesante fonte de ingresos para moitos pequenos concellos, sobre todo no interior do país. O turismo rural creceu con forza en Galicia na década dos 90 e nos primeiros anos do século XXI; de feito en 2001 Galicia era a cuarta comunidade autónoma que máis prazas de ofrecía neste tipo de aloxamentos, só por detrás de Cataluña, Aragón e Castela e León.

Porén, a cifra de usuarios e usuarias destes establecementos está estancada dende hai anos. Os datos provisionais de ocupación correspondentes a 2014, publicados o pasado xoves, amosan o primeiro incremento no número de viaxeiros (153.034) e pernoctacións (301.352) dende 2010. Porén, as cifras seguen estancandas, en niveis de hai unha década. En 2004 e 2005 o número de uuarios roldaba xa os actuais 150 mil, e o número total de pernoctacións superaba as 300 mil rexistradas o pasado ano. Entre 2007 e 2010 tocouse teito, rozando os 200 mil viaxeiros e viaxeiras.

Este estancamento ten provocado igualmente unha limitación no número de establecementos (520) e prazas ofertadas (6.493), algo por debaixo dos máximos acadados en 2010 (538 e 6.632) e un descenso na cantidade de empregos directos xerados polo turismo rural, que caeu nos últimos catro anos dende as 964 persoas ata as 818.

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Noites 376.033 364.216 369.208 389.356 295.004 270.751 259.151 301.352
Viaxeiros 169.295 163.700 176.941 193.443 143.235 139.499 129.180 153.034

Número de viaxeiros e pernoctacións en casas de turismo rural. Fonte: INE

O turismo rural supón unha vía de atracción de visitantes para moitas comarcas do interior, afastadas das cidades galegas e dos espazos de costa máis masificados. O seu estancamento é paralelo cunha situación de concentración do turismo nuns poucos destinos principais. Segundo os datos compilados polo Instituto Galego de Estatística, Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra e as Rías Baixas sumaron en 2013 máis do 70% das pernoctacións realizadas por turistas e viaxeiros, sumados tanto hoteis, coma campings e casas de turismo rural. As provincias de Lugo e Ourense, en conxunto, representan apenas o 18% das noites durmidas polos visitantes.

Viaxeiros e pernoctacións nas casas de turismo rural galegas Dominio Público Praza Pública
Pernoctacións de viaxeiros por comarca. 2013 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.