Os 30.000 afectados das 'outras' preferentes

Diante da sede da ex Caixa Galicia CC-BY-SA Praza

Ana decidiu acudir á masiva manifestación dos afectados polas preferentes celebrada na Coruña o pasado 2 de xuño. Alí luciu un cartel contra un banco, pero este non era Novagalicia, senón o BBVA. “Mirábanme raro ao ser a única persoa que facía referencia a unha entidade diferente ás caixas galegas”, recoñece agora. Ela pertence a ese grupo de milleiros de galegos afectados por unha “estafa masiva”, pero non a esa da que todos falan.

Tendo en conta os cálculos máis optimistas, en Galicia hai cando menos 70.000 persoas afectadas polo engano da emisión masiva de participacións preferentes. Unhas 43.000 contratáronas a través das antigas caixas, agora NCG Banco, cunha emisión de máis de 1.000 millóns de euros. Pero polo menos uns 27.000 foron “enganados” -tal e como eles critican- por outras entidades, ben sexa o Santander, BBVA ou o Banco Popular. Quéixanse de que a maioría de accións institucionais e políticas van destinadas aos problemas cos produtos de Novagalicia e reclaman a atención sobre “unha fraude” perpretada por moitos máis bancos no país.

Preto de 30.000 persoas, como mínimo, foron afectadas por preferentes de entidades diferentes a NCG Banco

Ademais, e ao contrario que no caso das antigas caixas, estas entidades bancarias acababan derivando os aforros destes clientes a outras empresas. Fenosa, Repsol, SOS Cuétara, Telefónica, Fagor ou Eroski, tal e como denuncia a delegación galega de Adicae (Asociación de Usuarios de Bancas, Caixas e Seguros). “O método de comercialización utilizado era o mesmo”, aclara esta asociación, que pide aos afectados de entidades diferentes a NCG “que acudan ás manifestacións e que sinalen perfectamente a quen lles enganou”.

Os aforros dos clientes eran derivados a outras empresas como Fenosa, Repsol ou Telefónica, das que moitos posúen emisións preferentes

Solucións insuficientes

A única diferenza estaba na solución que daban as entidades bancarias, normalmente trocos por accións ou bonos convertibles en accións, algo que “non deixa de ser renda variable e nada parecido ao que os clientes querían”. “Digamos que a situación é menos mala porque, aínda que fose perdendo unha porcentaxe do valor, a xente podía acudir á Bolsa e non perder tantos cartos”, explican desde Adicae, que aclaran que hai xente que segue cobrando algo polos intereses ao depender as amortizacións desas empresas das que agora moitos clientes teñen preferentes que non querían. Iso se non ocorre como con SOS Cuétara, que entrou en quebra.

No entanto, é imposible atopar a alguén conforme. Ningún dos consultados sabía que os seus aforros acabaron metidos noutra compañía ou, incluso, noutras entidades bancarias. Así lle ocorreu a Manuel Álvarez, cliente monfortino do Banco Popular. “Meteron os meus aforros en Caixa Terrassa e no Paribas francés, 70.000 euros en cada un deles”, denuncia, tras criticar o “engano, a falsidade e a mentira” á que foi sometido polo seu banco.

“Eu quería un produto sinxelo, sen riscos e nunca me dixeron que os meus cartos acabarían onde acabaron; agora non me devolven nin un peso”, asegura Álvarez, que denuncia que na súa entidade lle aseguraron que lle “reembolsarían os cartos ao pasar cinco anos”. “Eu só quería gardar uns aforriños e ter algo de rendemento, pero aproveitáronse da xente máis humilde”, engade.

"Díxenlles claramente que quería un produto sen risco ningún, pero coláronma"

Tamén Ana se sentiu enganada e estafada. Ten participacións de Unión Fenosa desde o ano 2006. “Tiña un depósito a prazo fixo que xa me vencera e no BBVA dixéronme que optase por outra opción que non tiña risco ningún e que era o mellor para min; díxenlles claramente que non quería ningún tipo de risco, pero insistíronme e coláronma”, explica. O produto dáballe intereses, pero esta muller quixo sacar os cartos para facer fronte a unha hipoteca. Nunca llos deron. “Ofrecéronme, como un enorme favor, darme a metade”. Falamos de 50.000 euros, os aforros dunha familia que agora non pode acceder a eles.

“Son ama de casa e o meu perfil non cadraba nada no produto que me ofreceron porque non se me ocorrería na vida asinar algo así; incluso asinei que lera un folleto que non lin, pero fieime do banco”, lamenta unha muller que aclara que o diñeiro faille “moitísima falta”, pero que non cheirou peso ningún. Nin no BBVA nin en Fenosa lle dan solución ningunha e ela só confía nas accións xudiciais, na Fiscalía e na loita dos afectados.

É tamén unha das únicas esperanzas que lle quedan a Marta, outra muller afectada, neste caso polos produtos do Santander. “Tiñamos uns aforros e buscabamos un prazo fixo, algo seguro que nos rendise un pouco; saímos do banco convencidos de que tiñamos os cartos seguros, ata que nos chamaron para ofrecernos un troco por accións”, explica. “Non queríamos ese produto; coláronnolo”, denuncia, malia que a entidade segue dicíndolles que lles explicou todo perfectamente.

“A maioría dos afectados aceptaron as accións, pero nós non; quero o meu diñeiro porque, ademais, se queremos facer líquidas esas accións, teremos que pagar a Facenda, así que nunca poderiamos recuperar todo o que metimos no Santander”, aclara. Apoiada en Adicae, Marta enviará unha reclamación á CNMV. É a esperanza que lle queda mentres pide apoio.

"Só se fala dos afectados por NCG Banco, pero non de nós; parece que non existimos"

“Só se fala de NCG Banco, pero non de nós, parece que non existimos”, recorda Ana, que prométese “meterse máis en serio” en todas as accións que haxa para para reivindicar os seus dereitos e os de milleiros de afectados. “Creo que isto vai acabar rebentando porque somos moitos os afectados en Galicia e en España”, di Manuel Álvarez, que confía nunha solución e pronto. “Non quero pensar noutra posibilidade”. Mentres, piden a atención da sociedade, da política e das administracións. “Enganáronnos”, recordan.

Emilio Botín, presidente do Banco Santander © Santander
Marcha na Coruña por unha solución aos afectados CC-BY-SA Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.