Os afectados polas preferentes non dan tregua e manteñen a presión nos plenos

Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

As casas do concello de Nigrán, Tui e A Coruña foron este mércores protagonistas das protestas dos afectados polas preferentes, que continúan na loita por recuperar os seus aforros tan só semanas despois de que o FROB confirmase que a quita suporá a perda da maioría dos seus cartos. Nesta ocasión, volveuse suspender un pleno, desaloxáronse manifestantes e houbo discusións entre cargos públicos e afectados.

O goberno local de Tui ordenou o desaloxo do salón de plenos para "normalizar a vida" do concello

No Concello de Tui, o goberno local ordenou o desaloxo a primeira hora da mañá do salón de plenos, que permanecía ocupado desde xaneiro por afectados polas preferentes. Moisés Rodríguez, alcalde da localidade, aclarou que a acción se desenvolveu "sen incidencias" e co propósito de "normalizar a vida" da vila e volveu amosar o seu apoio aos aforradores, aínda que insistiu en que a arbitraxe é a mellor opción.

Pero a cousa non quedou aí. Durante a tarde, a Garda Civil e a Policía Local de Tui impiden o paso de calquera persoa ao Concello, logo de que membros da plataforma de afectados do Baixo Miño, acompañados por aforradores da de Gondomar ou Nigrán, se concentrasen ante o consistorio para continuar a protesta. A unha das voceiras do colectivo non lle foi permitida a entrada, polo que varios decidiron permanecer ante a etnrada mantendo a protesta.

Garda Civil e Policía Local impiden o paso ao Concello de Tui, onde se concentran afectados que lograron suspender o pleno en Nigrán

Precisamente, foron algúns dos afectados das preferentes que agora se manteñen ante o Concello de Tui os que conseguiron suspender o pleno de Nigrán pola mañá. O ruído que os aforradores provocaban coas súas bucinas e a entrada de cinco manifestantes, que conseguiron acceder ao pleno, provocou que tivese que suspenderse a actividade do consistorio.

Á mesma hora, na Coruña, varias decenas de afectados manifestáronse ante o Concello e lograron manter un encontro co concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, que lles manifestou o seu apoio e defendeu a protesta "lexítima" dos aforradores, que reclamaron "feitos" e non máis palabras. Ademais, solicitaron unha entrevista co alcalde da cidade, Carlos Negreira, que aceptou reunirse con eles o vindeiro luns.

O BNG promove "unha estratexia" común para loitar contra os abusos da banca

“Hai que combater radicalmente un sistema financeiro que desmantela os servizos públicos e rescata a unha banca especulativa”, asegurou este mércores Xavier Vence, voceiro do BNG, polo que avanzou que o BNG manterá diversas xuntanzas con forzas nacionalistas, de esquerdas, sindicais e movementos sociais para establecer “unha estratexia” contra a quita ás preferentes, os desafiuzamentos e a situación de precariedade dos asalariados e autónomos. !Hai que  tombar a un PP que só beneficia os intereses da banca", concluíu.

Peche dos preferentistas no Concello de Tui, o pasado ano © Plataformas de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.