Os afectados polas preferentes perderán o 40% dos cartos

Luis de Guindos, ministro de Economía © Goberno de España

Outro duro pau para os estafados polas preferentes. O ministro de Economía, Luis de Guindos, vén de anunciar este martes na comisión do Congreso que os titulares de participacións preferentes de Novagalicia Banco - e tamén os de Bankia e Catalunya Bank- só recuperarán de media o 60% dos seus investimentos, ou o que é o mesmo, non verán nin un peso do 40% restante, que é a quita imposta pola UE.

Segundo De Guindos, a Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea (CE) é quen determina o método que se aplica para repartir as cargas da reestruturación das entidades bancarias, o que supón que os posuidores de produtos híbridos "recuperarán de media o 60% dos seus investimentos, un valor moi superior á súa valoración actual dos activos no mercado". Aínda así, puntualizou que a devolución final que se aplique en cada caso dependerá do produto, do tipo de interese e da súa data de vencemento.

"Na maioría dos casos terán que aceptar trocar os produtos por accións novas das entidades saneadas"

"Na maior parte dos casos terán que aceptar trocar (os seus produtos híbridos) por instrumentos computables como recursos propios de primeira calidade, é dicir, por accións novas das entidades logo do seu saneamento. Pero grazas a esa conversión conseguiuse un nivel de recorte inferior ao criterio habitual das axudas de Estado. Nos casos onde os títulos de capital convertidos non sexan líquidos buscaranse fórmulas para darlles liquidez", explicou De Guindos. Os cartos, tal e como engadiu, non se recuperarán nin axiña nin ao contado.

Por outra banda, o ministro avanzou que se articularán procedementos de arbitraxe para os tenedores de híbridos de Bankia, que "seguirán criterios de selección similares aos de Novagalicia e Catalunya Bank". Aplicarase "nos casos máis flagrantes onde se demostre mala praxe na comercialización" destes produtos.

"Este procedemento é rápido na súa execución e ten vantaxes nos custos. Operarase coa colaboración das autoridades de consumo autonómicas, que resolverán a arbitraxe, aínda que previamente un asesor privado filtrará en cada entidade os supostos que evidencien unha clara 'mala praxe'. Así, o cliente atopará o proceso máis sinxelo e rápido para resolver o conflito", finalizou o ministro de Economía.

De Guindos, durante a súa comparecencia © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.