Os afectados polas preferentes resígnanse á arbitraxe malia renegar dela

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña © Praza Pública

A arbitraxe como a solución menos mala. Os afectados polas participacións preferentes en Galicia semellan resignarse a acudir a esta vía para intentar recuperar os seus aforros (ou parte deles), máis aínda despois de que o Goberno central aprobase o decreto que pode supoñer quitas de máis do 70% para os aforradores. A propia Xunta aclarou este luns que as peticións de arbitraxe recibidas polo Instituto Galego de Consumo ascenden xa a 13.300 en canto aos clientes de Novagalicia Banco e que o número de laudos favorables supera os 330.

O caso é que varias plataformas de afectados amosan xa resignación, conscientes de que a arbitraxe “non é a solución esixida” por elas, que sempre reclamaron unha solución colectiva, pero sabedores tamén de que a situación estase poñendo “moi negra” e que “hai xente moi necesitada” que non quere arriscarse a unha vía xudicial que será “longa e dura”.

"A arbitraxe non é o que pedimos, pero hai xente moi necesitada que non está disposta a unha vía xudicial que pode ser longa"

Así se manifestou un dos voceiros da plataforma de afectados do Morrazo, Antonio Rodríguez, que lembra que o método empregado por NGB para a arbitraxe “é algo diferente” porque a entidade “envía previamente aos afectados unha proposta vía teléfonica ou correo electrónico”. “Antes non sabías ao que te expoñías, pero agora si”, asegura, tras insistir en que “cadaquén é libre de decidir a mellor opción para o seu caso”. O portavoz deste colectivo, así como Cristina Fernández, representante do da Mariña, recoñecen que nas últimas semanas é “bastante” a xente que optou por adherirse á arbitraxe e insiste tamén en que agora os estafados “saben de anteman o que o banco lles vai devolver”.

Desde a plataforma do Moaña, por outra banda, Román Santomé, o seu voceiro, vai máis aló e aposta claramente pola arbitraxe porque, segundo asegura, “todo o mundo vai cobrar”, tal e como declarou a varios medios. Santomé nega que só fosen os casos máis evidentes os atendidos e insiste en que foron beneficiados clientes “de todo tipo de perfís”.

As plataformas de Vigo e A Coruña critican con dureza a arbitraxe, mentres desde Moaña se recomenda acudir a ela

O voceiro do colectivo de Moaña nega así as dúbidas que amosan outra plataformas como as de Vigo ou da Coruña, que este luns volvéronse manifestar en cadansúa cidade para amosar o seu rexeitamento a unha vía que ven un “amaño” entre Xunta e NGB, algo que non negan tampouco desde o Morrazo ou a Mariña, pero que non lles impide asumir que a arbitraxe é xa a opción máis acollida, aínda que eles se limiten a informar e non a recomendar opción ningunha.

Desde Moaña, no entanto, Santomé insiste en pedir aos afectados que opten pola arbitraxe e asegura que na sua plataforma son “maioría” os que optaron pola vía recomendada pola Xunta.

"A arbitraxe está organizada por NGB e a Xunta, con cambios de regras para favorecer a entidade financeira"

Malia todo, os estafados non deixan de ser moi críticos co novo decreto aprobado polo goberno e as elevadísimas quitas que poden supoñer para os seus aforros. Así, Ana Cedeira, voceira da plataforma da Coruña, compareceu este luns xunto ao voceiro de EU na cidade, César Santiso, para insistir en que a arbitraxe é “un sistema organizado por NGB e a Xunta” que implica continuos cambios de regras “para favorecer á entidade financeira”. Ademais, consideran "unha trampa" a vía recomendada polo Goberno galego e ameazan con acudir á UE.

Ademais, Ana Cedeira reclama que o Goberno central e a autonomía se fagan cargo da diferenza nas devolucións de cartos que suporán as quitas e coincide con Esquerda Unida ao solicitar que o Estado “se faga cargo como responsábel subsidiario da falta de control, tanto do Banco de España como da CNMV”. Desde Vigo, unha das afectadas, María Belén Boo, cre “unha vergoña” que os aforradores “teñan que pagar a desfeita” provocada polos gobernos e asegura que seguirán loitando para que aos estafados “se lles devolvan integramente os cartos”.

Horas despois da manifestación de Vigo, a Xunta presumía de que 3.400 afectados da cidade xa acudiran á arbitraxe

Aínda así, uns e outros saben tamén que a chegada das eleccións provocará que “uns e outros partidos intenten utilizar” os afectados, conscientes, sobre todo desde a Xunta, da importancia que poden ter as súas mobilizacións en plena campaña electoral. Dito e feito. Tan só unhas horas despois de que unha nova manifestación en Vigo amosase o seu rexeitamento á arbitraxe proposto polo Goberno galego, unha nota de prensa desde San Caetano presumía que “preto de 3.400 afectados polas preferentes na cidade e na comarca xa solicitaron a arbitraxe”.

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra
Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.