Os afectados polas preferentes serán un factor clave na campaña electoral

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña © Praza Pública

O verán adoita ser un tempo no que as protestas e reivindicacións arrefecen ou fican nun segundo plano co risco de ser esquecidas polos cidadáns menos implicados ou non directamente atinxidos por elas. Os colectivos de afectados polas preferentes tentou o contrario: incrementar a frecuencia e intensidade das súas protestas en agosto, con concentracións e manifestacións todas as semanas, e mesmo levando a protesta aos lugares de veraneo e a "aqueles sitios onde descansan os políticos e banqueiros", coma Sanxenxo ou Baiona.

Este xoves volveron concentrarse diante das oficinas de NGB, desta vez na Coruña, e advertiron en varias ocasións que se "farán ver" nos actos políticos previos aos comicios do 21 de outubro, sobre todo os do PP. E é que o anuncio de que o Goberno central acatará as instrucións dadas por Bruxelas no memorando do rescate bancario, de xeito que non lles ofrecerá aos aforradores estafados máis do que as súas participacións preferentes custan no mercado, incrementou a indignación deste colectivo. Ademais, as criticas que dende hai meses viñan dirixindo contra Alberto Núñez Feijoo, pola súa xestión do proceso de fusión e crise das caixas, redobráronse nos últimos tempos por mor da insistencia do presidente da Xunta en que os afectados renunciasen á via xudicial e aceptasen a fórmula da arbitraxe.

Parece que os actos do Partido Popular, de aquí ao remate da campaña electoral, van contar coa presenza constante e seguramente ruidosa destes colectivos

Así pois, parece que os actos do Partido Popular, de aquí ao remate da campaña electoral, van contar coa presenza constante e seguramente ruidosa destes colectivos, que nos últimos días anunciaron a súa intención de facer presión na súa contra e de retirarlle o seu apoio, no caso das persoas que antes votaran por el. Este xoves, na Coruña, nunha concentración na que participou medio cento de persoas, o berro máis repetido foi: "Feijoo, o teu voto xa voou". Pode que a importancia disto non sexa tanto cuantitativa, aínda que a cifra de afectados é moi importante, sobre todo na provincia de Pontevedra. Pero dende logo suporá unha gran molestia para os populares, que terán que realizar unha campaña á contra, cunha sensación de conflitividade, e mantendo entre os pricipais temas de debate a crise da caixas, un dos seus principais fracasos esta lexislatura.

Porén, os aforradores que teñen os seus cartos retidos tamén reparten críticas entre outros partidos. Agaprofi (Asociación Galega de Afectados por Productos Financeiros) lembrou este mércores, ao igual que a pasada semana fixera ADICAE, que neste momento "só queda a acción xudicial, nomeadamente individual, aínda que se pode un adherir á acción colectiva presentada pola Fiscalía do TSXG e que se está tramitar perante o Xulgado de Primeira Instancia nº 11 da Coruña, ou a reclamación arbitral perante o Instituto Galego de Consumo". En ambos os dous casos reclamando a nulidade do contrato por vicios do consentimento e a recíproca restitución de prestacións (capital por cotas de xuros que sobarden a media dos depósitos a prazo no periodo correspondente). E denunciou que "os partidos que están a defender outras solucións están a priorizar os seus intereses electorais a respecto dos intereses dos milleiros de aforradores concernidos".

 

O decreto non incluirá a solución proposta polo Goberno para as preferentes

Este xoves confirmouse, ademais, que o decreto de reforma do sistema financeiro, que este venres aprobará o Consello de Ministros, non incluirá a solución proposta polo Goberno para as preferentes, segundo adiantou o ministro de Economía, Luis de Guindos. O ministro engadiu que Bruxelas terá que dar o visto bo a cada pacto que acaden as entidades financeiras intervidas (Bankia, NGB, Banco de Valencia e Caixa Catalunya) para resarcir os afectados de participacións preferentes. De Guindos deixou ver que existe a posibilidade de que se canxeen preferentes por depósitos ou bonos, co que os aforradores poderían recuperar o 100% do investido. Porén, isto é contraditorio co indicado pola Comisión europea.

Protesta dos afectados pola preferentes, este xoves na Coruña CC-BY Praza Pública
Imaxe da concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.