Os afectados por ERE seguen disparándose en Galicia

Dominio Público Praza Pública

Seguen disparándose os ERE en Galicia. O número de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego (ERE) autorizados ou comunicados ás autoridades laborais incrementouse un 47,4% entre xaneiro e agosto en Galicia, até chegar ás 18.590 persoas, segundo os datos do Boletín de Estatísticas Laborais do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Case 20.000 persoas víronse afectadas por ERE en Galicia nos primeiros oito meses do ano

Pola súa banda, no conxunto do Estado, o número traballadores afectados por ERE aumentou un 53,3%, algo máis que en Galicia, durante estes oito primeiros meses en comparación co mesmo período de 2011 e tendo en conta que desde a entrada en vigor da reforma laboral xa non é necesaria a autorización.  En concreto, un total de 299.021 traballadores víronse afectados por un ERE até agosto, en contraste cos 195.032 traballadores que estiveron implicados nunha regulación de emprego durante o oito primeiros meses de 2011.

En Galicia víronse afectados por expedientes de extinción un total de 2.362 traballadores

En Galicia, pola súa banda, víronse afectados por expedientes de extinción un total de 2.362 traballadores, un 2,92% máis que entre xaneiro e agosto do ano pasado, mentres que os ERE de suspensión alcanzaron a 11.917 empregados (un 38,07% máis) e os de redución de xornada a 4.311, o que supón multiplicar por 2,5 os afectados no mesmo período do ano pasado.

En número de ERE, este situouse até agosto en 1.684, o que representa un aumento do 82,45% respecto de hai un ano, de acordo co boletín do ministerio, mentres que no Estado os expedientes de regulación de emprego autorizados/comunicados aumentaron un 69,7% en comparación co mesmo período de 2011, até sumar 22.007, fronte aos 12.965 do oito primeiros meses do ano pasado.

Pero hai máis datos relevantes, xa que os ERE nos que se alegaron causas económicas (problemas de tesouraría ou financiamento, restrición de contratos, quebra, débedas ou suspensión de pagos, baixa produtividade ou aplicación de medidas económicas) disparáronse un 105% no oito primeiros meses en relación ao mesmo período de 2011, até sumar 15.790 expedientes, o 71,7% do total de expedientes rexistrados no período e grazas á flexibilidade que ofrece a reforma laboral aprobada polo Goberno do PP. 

Por causas técnicas autorizáronse 196 expedientes até agosto, un 30% menos que no mesmo período de 2011, mentres que por causas organizativas ou de produción rexistráronse 5.731 expedientes, cun crecemento interanual do 22,9%. Por forza maior houbo 241 ERE, un 26,3% menos que no oito primeiros meses de 2011.

A principal novidade introducida na reforma do mercado de traballo en relación aos ERE é a eliminación da autorización administrativa anteriormente esixida para proceder á realización de despedimentos colectivos ou de medidas de suspensión de contrato ou redución de xornada por parte do empresario.

No entanto, a nova regulación mantén a necesidade de que se realice un período de consultas cos representantes dos traballadores, á vez que se establece a intervención da autoridade laboral para garantir a efectividade do devandito período de consultas, pero sen ter esta carácter decisorio.

A decisión última será, pois, a do empresario, e como no caso dos despedimentos individuais, se non se está de acordo, os traballadores terán que impugnala pola vía xudicial.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.