Ser optimistas ten prezo. Concretamente, 826.271 euros máis IVE. É o prezo no que a Consellería de Economía e Industria contratou o pasado novembro a campaña Galicia competitiva: a innovación, o emprendemento e a internacionalización como eixos clave para o crecemento económico e do emprego de Galicia, a acción publicitaria que, como informou Praza Pública, o Goberno galego comezou a tramitar durante o verán co obxectivo de transmitir "optimismo" ante a crise a través dun "ambicioso" proxecto de anuncios propagandísticos cun impacto nada desprezable nas arcas públicas.
O departamento daquela dirixido por Javier Guerra licitou a campaña nos devanditos 826.271 euros, isto é, é a cantidade que estaba disposta a pagar como máximo e foi a que pagou, dado que a empresa adxudicataria, Imaxe Intermedia, S.A., non rebaixou en absoluto ese importe. Así e todo, o Executivo xustifica a adxudicación por ser a "economicamente máis vantaxosa para a Administración". A contratación produciuse aínda que durante o procedemento a Xunta tivo que facer fronte a un imprevisto: cando iniciou o procedemento o IVE aínda era do 18% pero o 1 de setembro pasou ao 21%. "Tendo en conta que os pagamentos serán posteriores a tal data, a partida do IVE deberá incrementase, sendo este incremento asumido pola Administración", asumiu a consellería.
A suba do IVE provocou un incremento do prezo da campaña, coa que a Xunta quere "sumar aos galegos ao novo modelo económico que está a impulsar"
Así as cousas, a consellería agora encabezada por Francisco Conde vai pagar un total de 999.788,14 euros por unha campaña publicitaria que xa se está a desenvolver e que foi duramente criticada pola oposición, que a considerou un gasto "indecente e inmoral en plena crise". Segundo a documentación na que o Goberno sustenta o contrato este gasto está asentado precisamente en razóns de austeridade, xa que considerou preciso "facer unha campaña de comunicación e divulgación" coa "intención de facer chegar aos cidadáns", ademais do devandito "optimismo", "as novas formas de reactivar a economía, crecer, xerar emprego e saír da crise". Motivados pola "busca de aforro e a eficiencia", a Xunta decidiu "desenvolver unha ambiciosa acción de sensibilización e promoción" para "sumar aos galegos ao novo modelo económico que está a impulsar, centrado na competitividade".
Sempre segundo a filosofía gobernamental, os anuncios en diarios impresos, radio, televisión, internet e valados exteriores serven para amosar "casos de éxito" que tentan "provocar a creatividade e a valentía da xente nova para lanzar o seu propoio proxecto" e "impulsar boas ideas". Ante as críticas recibidas, a Secretaría Xeral de Medios -con dependencia directa da Presidencia da Xunta-, consideraba o pasado xullo que a campaña era "necesaria" e "útil", asegurando ademais "ser consciente de que estamos nuns momentos económicos moi duros para todos", pero "iso non debe levarnos a deixar desprotexidos nin os sectores empresariais nin ao sector publicitario e mediático galego".