Os 'coworkers' galegos cítanse en Ourense

Instalacións de Magma Espacio, en Ourense Dominio Público Praza Pública

O coworking non designa só un determinado tipo de espazo de traballo, senón tamén e sobre todo, unha forma de traballar, baseada na interrelación entre distintos proxectos, profesionais e disciplinas. O encontro, o contacto, o coñecemento mutuo é, pois, fundamental. De aí a importancia de eventos coma o que se celebra este venres e sábado no Magma Espacio de Ourense, os Coworking Days organizados pola Asociación de Espacios de Coworking.

Esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer os beneficios e vantaxes do coworking, a través de presentacións, debates e outras accións divulgativas de todos os espazos. As actividades comezaron este venres pola mañá, cunha sesión aberta na que Magma Espacio, unha plataforma de traballo que botou a andar hai uns meses en Ourense converténdose no primeiro espazo de coworking da cidade, ofrece de balde unha serie de postos nos que calquera persoa interesada polo coworking pode probar os servizos que ofrece. Ofrécese, ademais, un almorzo achegado pola explotación de leite ecolóxico de Allariz, Ecoleia, e un xantar colectivo, mentres se presentan e debaten as vantaxes do cotraballo. Xa pola tarde realízanse as presentacións formais de espazos e proxectos, a cargo de Espacio Arroelo (Pontevedra), WeKCo (A Coruña) e DoutroXeito Coworking (Compostela). O sábado continúan estas dúas xornadas de portas abertas, cun novo almorzo e novas presentacións, que rematan cun torneo de ping pong, chamado Net pingpong Cup.

O Coworking debe ofrecer algo máis que un espazo: debe proporcionarlle ao traballador un entorno creativo, que propicie as sinerxías con outros proxectos e profesionais, xerador de contactos

Os autónomos e autónomas galegas buscan elementos de colaboración mutua e tamén de aforro de custes, ante as dificultades crecentes ás que teñen que enfrontarse para desenvolver a súa actividade. A recente decisión do Goberno de elevar a cotización que a maior parte deles debe pagar cada mes é un obstáculo máis, que se suma a outros que fan moi dura a posta en marcha de novas iniciativas empresariais ou de autoemprego, ás veces obrigadas pola pobreza do mercado laboral e, noutras, a única alternativa a marchar a outros territorios do Estado ou outros países na procura de traballo. 

En Galicia cada vez son máis os espazos de coworking; atopámolos en todas as cidades e tamén nalgunha vila como Cangas, Arteixo ou Silleda. Por unha tarifa mensual (variable, dende 60 euros as máis económicas até 300 as máis custosas), ofrece unha serie de servizos comúns: un lugar de traballo, conexión a internet, teléfono, unha caixa de correo, un espazo de reunións... É buscado por un determinado tipo de profesional como unha alternativa ao illamento de traballar na casa e como forma de contar cunha oficina a un prezo reducido. Pero debe, ademais, ofrecer algo máis: debe proporcionarlle ao traballador un entorno creativo, que propicie as sinerxías con outros proxectos e profesionais, xerador de contactos.

Cando o coworking funciona de verdade, as sinerxías xorden: "Estamos convencidos de que a idea de poder xuntar a diferentes profesionais nun mesmo espazo, propiciará de seguro que van a xurdir sinerxias entre os coworkers. Soamente isto xa é unha razón de peso para decidírmonos a crear un espazo colaborativo", destacan dende Magma Espacio, que definen o coworking como "unha filosofía de traballo que permite a freelances e pemes traballar dunha maneira individual e á vez conxunta" e que busca “sacar os autónomos da casa e das súas rutinas diarias de traballo”. Conclúen que "non é só un espazo de traballo, senón que se buscan as relacións, crear unha rede de contactos entre profesionais, que facilitan o labor de todos, crean sinerxías e comezar, chegado o caso, novos proxectos conxuntos".

Entre as vantaxes do coworking están o "compartir opinións sobre o proxecto no que estás a traballar, a redución de custes, o aumento da produtividade, ou dar unha imaxe de empresa máis potente"

Neste momento en Magma Espacio traballan oito persoas de seis empresas diferentes, dende o deseño gráfico, á fotografía ou o deseño web, pasado pola venda de mobiliario online, a realización dunha web cultural ourensá ou informáticos. Dende Magma destacan que "canta maior diversidade, mellor, pois se facilitan as interrelacións entre distintos proxectos". Para os responsables deste espazo, entre as vantaxes do coworking están o "compartir opinións sobre o proxecto no que estás a traballar, a redución de custes fronte a traballar nunha oficina ti só, o aumento da produtividade pois estar rodeado de xente traballando axuda a que rendas máis, ou dar unha imaxe de empresa máis potente". E conclúen que "ter unha persoa que domina o seu sector ao teu lado e cando che fai falla botas man dela. É cuestión de tempo que xordan proxectos conxuntos de forma máis habitual".

O evento Coworking Days celébrase este venres e sábado en Ourense © Magma Espacio
Instalacións de Magma Espacio, en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.