Os datos da EPA para as cidades: pouca mostra para tanto boureo

Sede do Instituto Galego de Estatística (IGE) © Google

No comezo desta semana, os voceiros municipais do PP nas tres cidades gobernadas polas mareas -A Coruña, Compostela e Ferrol- fixeron fronte común e nunha comparecencia alertaron da "penosa", ao seu parecer, situación na que se atopan as tres urbes, centrando as súas críticas nos datos do paro que viña de ofrecer a EPA. Rosa Gallego, Agustín Hernández e Martina Aneiros basearon as súas duras críticas nos "dabondo chamativos" números que ofrecían as estatísticas e na "alarmante" situación laboral, cun incremento do desemprego "superior ao 10%" respecto ao mesmo trimestre do ano anterior nas tres localidades e que contrastaba coa baixada "dun 7% no conxunto de Galicia". 

Os voceiros do PP na Coruña, Ferrol e Compostela basean as súas críticas aos gobernos locais nos datos do paro da EPA

Neste caso as duras críticas aos malos datos e noutros a gabanza excesiva das cifras positivas deberían tratarse con máis cautela. Así o advirte o propio Instituto Galego de Estatística (IGE) no espazo da EPA que dedica aos grandes concellos galegos. "Os resultados deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe". A razón: a Enquisa de Poboación Activa é un inquérito continuo baseado en entrevistas a integrantes de vivendas famliares e as mostras nestes concellos son moi pequenas. Moito menos representativas que as que fan referencia a toda Galicia, tal e como confirman desde o propio IGE. "É evidente que non se poden comparar e que, canta máis pequena sexa a poboación sobre a que se dea o dato, menos fiable será", explican. 

O IGE advirte que os datos das cidades "deben tratarse con precaución" por "elevados erros de mostraxe"

"A EPA é o mellor exemplo de que non imos polo bo camiño", insisten os grupos municipais do PP. De cantas entrevistas estamos a falar? Os datos da EPA en Galicia están baseados nas enquisas realizadas en arredor de 7.600 fogares e a un total de preto de 20.000 persoas, tal e como confirman desde o IGE. No caso de Ferrol e Compostela, por exemplo, son sobre 450 os cidadáns entrevistados en cada cidade, con cadansúas 180 vivendas analizadas aproximadamente. Para poboacións dunhas 70.000 e 95.000 persoas respectivamente.

No caso do resto das cidades galegas, en Vigo a mostra supera por pouco as 1.700 persoas, na Coruña anda sobre as 1.400, en Ourense 1.000 e en Lugo e Pontevedra, unhas 800 para cada caso. 

Os datos da EPA en Galicia baséanse en enquisas en 7.600 fogares e a 20.000 persoas; a mostra en Compostela e Ferrol é de 450 cidadáns

 

Como se fai a EPA?

Pero, como se fai a EPA en Galicia? É unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares que o Instituto Nacional de Estadística (INE) xa realiza desde 1964. Desde o terceiro trimestre de 2009, e logo dun convenio de colaboracion entre IGE e INE, a mostra duplicouse no ámbito de Galicia para conseguir así máis e mellores datos sobre a actividade económica da poboación galega. Desde aquela, a metade das entrevistas corren a cargo do organismo estatal e o resto fanse desde a entidade autonómica, seguindo idéntica metodoloxía e sistema de traballo de campo. 

A mostraxe divídese en seccións censais e selecciónanse un total de 468 seccións no país, recollendo o IGE información en 234 e o INE noutras 234. Mentres que estas seccións son fixas, as vivendas familiares son renovadas parcialmente cada trimestre da enquisa "a fin de evitar o cansazo das familias". Ademais, a mostra total de seccións divídese en seis grupos (quendas de rotación), renovándose cada trimestre os fogares das seccións. Unha vivenda permanece na mostra seis trimestres consecutivos. Transcorrido ese tempo, é reemprazada por outras da mesma sección. lén disto, o país divídese en estratos seguindo un criterio demográfico, polo que o número de entrevistas vai en relación co tamaño do mesmo.

No Estado, a EPA enquisa 180.000 persoas nun total de 60.000 fogares

O método de entrevista é a entrevista persoal asistida mediante un ordenador portátil para aquelas vivendas que entran novas na mostra, mentres que se opta pola entrevista telefónica para as sucesivas entrevistas nestes fogares. Trátase dun cuestionario no que se recollen datos xerais, de situación laboral, de busca de emprego ou de ensino e formación, entre outras. 

No conxunto do Estado, son arredor de 180.000 persoas as entrevistadas nun total de 60.000 fogares. A EPA, ademais, segue estritamente criterios internacionais fixados pola Organización Internacional do Traballo (OIT) e a normativa da UE. Son os datos desta enquisa os empregados polas administracións europeas e os considerados máis fiables no caso de mostras suficientes, como a nivel autonómico ou estatal. O paro rexistrado -o que se basea nas persoas inscritas nas antigas oficinas do INEM- non abrangue todas as persoas desempregadas, xa que non todas están apuntadas nos servizos de emprego, e agocha moitos colectivos que non son considerados oficialmente parados

No pasado mes de outubro, segundo os datos de paro rexistrado por cidades, a variación mensual é semellante en todas as urbes galegas e achegada á media galega. Aumenta en Galicia un 2,9%, un punto máis en Ourense 3,3%, o 3% en Vigo e entre o 1,9% e o 1,4% no resto, agás en Ferrol, onde o desemprego descende un 0,8%, e A Coruña, onde a situación é case idéntica ao do mes pasado, cunha baixada do 0,09%.

Agustín Hernández, Rosa Gallego e Martina Aneiros © PP-A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.