Os datos da EPA para Pontevedra desmontan o argumentario de Feijoo sobre ENCE

Evolución do paro (EPA) nas sete cidades galegas dende 2009 Dominio Público Praza Pública

"Os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe". O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica esta advertencia á hora de amosar as taxas de desemprego, ocupación e actividade de cada unha das sete cidades galegas. As estatísticas da Enquisa de Poboación Activa (EPA), fiables a nivel estatal, galego e mesmo provincial, non o son tanto cando se reducen o universo e a mostra estudadas e, como moito, poden ofrecer datos aproximados e tendencias.

"Os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe", advirte o IGE

Con todo, nos últimos meses foron varias as ocasións nas que dirixentes do Partido Popular botaron man do moi negativo dato de desemprego que para o concello de Pontevedra ofrecía a EPA do cuarto trimestre de 2014. Nesa ocasión, a enquisa sinalaba unha taxa de paro do 28,7% para a cidade, seis puntos superior á de comezo de ano e mesmo máis elevada que a de Ferrol.

Aínda este mércores Núñez Feijoo repetiu que Pontevedra é "unha cidade cun paro do 30 por cento"

Non foron unha, nin dúas, nin tres as veces que o candidato popular á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira denunciou publicamente que Pontevedra era "a cidade galega con máis taxa de paro", o que lle servía para xustificar o cambio de posición que nos últimos meses levou a cabo con respecto á continuidade de ENCE na súa actual localización no interior da ría de Pontevedra, no canto de ser trasladada a outro punto da comarca. Nas últimas semanas o mesmo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sumouse a este argumentario, sostendo nun debate parlamentario sobre o futuro de ENCE en Lourizán que "Pontevedra é a cidade con máis paro de Galicia, por riba de Ferrol". Aínda este mércores Núñez Feijoo reiterou ante un grupo de empresarios o seu apoio á continuidade de ENCE no seu actual emprazamento, sinalando a necesidade de "crear riqueza" e "crear emprego" e repetindo o argumentario de que Pontevedra é "unha cidade cun paro do 30 por cento"

A afirmación tomaba en todos os casos como única referencia a EPA do cuarto trimestre do pasado, un dato que debe ser tomado "con precaución", como lembra o IGE, que pode ser usado como un indicador aproximado e de tendencia, pero que non debería constituír o núcleo dun argumentario político. De feito, na última entrega da EPA, coñecida este xoves, o 28,7% de hai tres meses converteuse nun 24,7%, un descenso de catro puntos, que é unha mostra da volatilidade duns datos obtidos cons mostras moi pequenas.

Dende o verán de 2013 a taxa de paro en Pontevedra móvese ao redor do 25%, lixeiramente por riba da de Vigo e supera en entre 5 e 7 puntos ás de A Coruña, Lugo, Ourense ou Santiago

Os datos da EPA, se observamos as enquisas dos últimos oito trimestres, si permiten afirmar que o desemprego creceu en Pontevedra, e que seguramente o fixo por riba doutras urbes galegas, agás Ferrol. Dende o verán do 2013 a taxa de paro en Pontevedra móvese ao redor do 25%, lixeiramente por riba da de Vigo e supera en entre 5 e 7 puntos ás de A Coruña, Lugo, Ourense ou Santiago. Ademais, para ter unha imaxe máis exacta do comportamento do emprego en cada cidade habería que atender a outros indicadores, coma a taxa de ocupación e actividade ou ás cifras de afiliación á seguridade social. Porén, o PP preferiu quedar nos últimos meses, unicamente, cun titular e cun único dato, máis útil para os seus intereses.

  2009 2010 2011 2012 2013 I-2014 II-2014 III-2014 IV-2014 I-2015
A Coruña 10,4 14,6 15,7 15,1 17,5 18,3 18,4 16 16,6 17,5
Lugo 10,1 12,9 13,8 17,2 19,6 21,3 20,5 16,6 15,6 17,7
Ourense 11,5 14,2 15,3 19,9 22,8 22,9 23,3 20 18,5 20,1
Pontevedra 13,3 22,2 20,4 20,8 23,5 22,1 24,2 25,8 28,7 24,7
Santiago 10,2 9,1 16,3 19,8 22,2 20,7 20,1 16,8 13,4 18,4
Vigo 15,4 17,7 20,7 23,4 24,5 24,6 22,7 23,4 23,7 24,1
Ferrol 13,1 17,9 19,4 22,2 30,8 29,2 29,6 30 23,8 25,9

Taxa de paro nas sete cidades galegas, segundo a EPA. Fonte: INE-IGE

 

A situación de Ferrol continúa a ser dramática

A pesar de que a EPA do cuarto trimestre de 2014 sinalaba que a taxa de paro de Pontevedra superaba a de Ferrol, a nova entrega coñecida esta semana devolve a cidade departamental ao primeiro lugar, cun 25,9%. Segundo a EPA, Ferrol é dende finais de 2012 a cidade con máis paro de Galicia, mesmo superando o 30 por cento no conxunto de 2013 (30,8%), e manténdose preto desa porcentaxe nos datos acumulados de 2014 (28,1%).

En 1991 os e as menores de 35 anos en Ferrol sumaban 38.685 persoas, en 2001 xa eran só 30.528, e en 2011 a cifra caera xa ata os 23.037

Porén, para comprender a crise que sofre Ferrol cómpre ter en conta outras variables, coma as taxas de actividade e ocupación, ou a innegable realidade da marcha de milleiros de mozos e mozas ferrolás a outros lugares, ante a ausencia de oportunidades na súa cidade. Ferrol non só perdeu 13 mil habitantes dende 1991 (pasou de 83 mil ata os actuais 70 mil), senón que se converteu nunha cidade envellecida, cada vez cunha proporción menor de homes e mulleres de menos de 35 anos. Se en 1991 este grupo sumaba 38.685 persoas, dez anos máis tarde xa eran só 30.528 e en 2011 a cifra caera xa ata os 23.037.

Isto, xunto con outros factores (coma as prexubilacións), é o que explica que Ferrol sexa, con moita diferenza, a cidade galega cunha menores taxas de ocupación e actividade. Así, mentres a súa taxa de paro só supera nun punto á de Pontevedra, en dous á de Vigo, en cinco á de Ourense ou en oito ás da Coruña, Compostela e Lugo, a fenda nos outros indicadores é moito máis ampla.

A taxa de ocupación (a proporción de ocupados sobre o total de poboación maior de 16 anos) en Ferrol é do 35,3%, moi lonxe das de Pontevedra (44%), Vigo e A Coruña (45%), Ourense (47%), Lugo (51%) ou Santiago (55%)

A taxa de ocupación (a proporción de ocupados sobre o total de poboación maior de 16 anos) en Ferrol é do 35,3%, moi lonxe das de Pontevedra (44%), Vigo e A Coruña (45%), Ourense (47%), Lugo (51%) ou Santiago (55%). De igual xeito, a taxa de actividade (proporción de activos -ocupados ou non- sobre o total de poboación maior de 16 anos) de Ferrol fica no 47,6%. Tan só A Coruña (55%) se achega a estas cifras; en Pontevedra, Vigo e Ourense (59%), Lugo (62%) e Santiago (67%) a realidade é moi distinta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.