Os datos de crecemento volven tombar o argumentario económico da Xunta

Xuntanza do Consello da Xunta, este mércores na área do Goberno no Parlamento © Xoán Crespo

"Galicia anticipouse" e por iso vai ser "das primeiras" en saír da crise. Este foi o eixo argumental do Goberno galego dende que, en 2009, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo arrivou á Xunta e izou en San Caetano a bandeira da "austeridade". Cumpría pasar a tesoira antes ca ninguén para, chegado o momento, volver medrar antes ca ninguén e facelo máis que o resto dos territorios do Estado, aproveitando a ocasión para converxer con Europa. Media década despois, unha observación máis repousada dos datos ratifica, novamente, que a economía galega tardou un chisco máis que a da contorna en comezar a decrecer pero, cando o fixo, caeu máis e agora afronta a recuperación con máis lentitude.

No último ano completo só Castilla-La Mancha medrou menos que Galicia

O INE vén de revisar os seus datos ao respecto dende comezos de século e ata o último ano completo, o 2014. Este novo balance indica que no pasado exercicio económico só unha comunidade autónoma, Castilla-La Mancha, medrou menos que Galicia, ao ficar cun crecemento interanual do PIB do 0,28% fronte ao 0,44% galego. Ambas estaban, en todo caso, lonxe da media estatal (1,36%) e tamén dos territorios que medraron máis, entre os que se atopan tanto os máis turísticos -caso de Valencia ou Murcia- como os tradicionalmente máis dinámicos economicamente.

O Goberno galego teimou en que, grazas á "austeridade", o crecemento galego sería maior

Alén do acontecido noutras autonomías, unha ollada comparativa aos datos galegos con relación aos estatais e aos europeos confirman tamén as dificultades de Galicia nunha recuperación que, entre outros aspectos, tomba as previsións incluídas no Plan Estratéxico da Economía formulado pola Xunta a comezos da pasada lexislatura, documento que actualmente se atopa en proceso de revisión. Como amosa o gráfico por baixo destas liñas, antes da crise a economía galega medraba máis que a española e que a da Unión Europea, pero nos anos da recesión acabou caendo máis que ambas e agora sae da mesma con maiores dificultades.

A renda das familias galegas está no 91% da media estatal

Mentres o Instituto Galego de Estatística advirte que o balance deste 2015 será tamén de menor dinamismo económico en Galicia -o ritmo do PIB galego só se aproxima ao estatal pola ralentización deste-, o balance do INE amosa tamén como, durante estes anos, as cifras macroeconómicas se traduciron tamén na economía das familias. Nesta liña, e con datos correspondentes ao ano 2013, a estatística amosa que a renda dos fogares galegos segue a caer, neste caso, 77 euros anuais ata ficar nos 12.885 per cápita e ano, un 91,6% da media estatal e só por riba de Valencia, Canarias, Castilla-La Mancha, Murcia, Andalucía e Extremadura.

No contexto do Estado a renda dispoñible bruta dos fogares está por riba da media en oito territorios encabezados por Euskadi, onde este indicador supera os 18.600 euros por persoa e ano. A continuación está Madrid, con máis de 17.500 euros, Navarra, con 17.300, e Catalunya, por riba dos 16.200 euros por persoa e ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.