A Xunta de Galicia presentou, en xuño de 2010, un ambicioso plan estratéxico coa intención de "definir un novo modelo socioeconómico que pretende unha modernización para toda Galicia, que nos implique e nos inclúa a todos". Chamouse Plan 2010-2014 e pretende actuar en numerosas áreas para "converter o territorio nun factor de desenvolvemento". A presentación tinguiuse coa frase "Galicia, cidade única". Entre as pretensións, a de igualar o Produto Interior Bruto (PIB) per capita dos galegos á media europea ou de duplicar o investimento público e privado en I+D.
O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de realizar unha primeira avaliación dos datos. No sector TIC, unha das grandes apostas deste plan e do Executivo de Feijóo, o balance segue a ser negativo en comparación coa media do Estado e de Europa. Así, por exemplo, o 65% dos fogares galegos tiñan algún ordenador a peche de 2011, seis puntos por debaixo da media española. En canto ao acceso a internet (normal e de banda larga), tamén o diferencial de Galicia está moi por debaixo do conxunto do Estado. En calquera caso, máis da metade dos fogares xa teñen liñas de ADSL ou cable.
Mais a crise económica barreu un dos piares nos que debe sustentarse parte do plan de Feijóo. O investimento empresarial en I+D, por exemplo, padeceu un recorte en Galicia e no conxunto do Estado, non así na Unión Europea. O persoal galego adicado a I+D empresarial pasou do 37,7 ao 34% en tres anos. Apenas un 1% de todo o mercado laboral galego está empregado neste sector de investigación.