Os ERE en Galicia sitúanse á cabeza do Estado no comezo de 2016

Traballadores/as afectados/as por regulacións en emprego en Galicia Dominio Público Praza Pública

En xaneiro e febreiro, últimos meses para os que hai información, os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) presentados en Galicia afectaron a 949 traballadores e traballadoras, preto dos datos de Madrid (1.379) ou Cataluña (980), con moita máis poboación. O País Vasco (1.359 persoas afectadas) presenta datos superiores aos galegos; e Cantabria ou Navarra (cun menor número de masa laboral que Galicia) achéganse aos datos da nosa comunidade. Deses 949 traballadores e traballadoras afectados, 222 sufriron un despedimento colectivo, 476 unha suspensión temporal de contrato e 251 unha redución de xornada.

Os datos son, en xeral, mellores que os do mesmo período do ano pasado. No conxunto do Estado, as regulacións de emprego afectaron a 10.173 persoas, un 45,6% menos. A mellora producida en Galicia é moi inferior, e o descenso é tan só do 10,8%.

No 2015 os Expedientes de Regulación de Emprego afectaron en Galicia a 6.615 traballadores e traballadoras, dun total de 596 empresas, o que representou un 6,6% dos datos globais para toda España (100.522 persoas). 1.089 sufriron un despedimento colectivo, 4.494 unha suspensión de contrato e 1.032 unha redución de xornada. Por sectores, industria (3.210), servizos (2.116) e construción (492) foron os máis afectados. Os datos, con todo, son moi inferiores ás cifras récord que se rexistraron en 2012 (case 30 mil persoas baixo algún tipo de regulación de emprego), 2009, 2011 ou 2013, con números por riba dos 20 mil afectados e afectadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.