Os fogares galegos ingresan de media 125 euros menos ao mes pola crise

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

Todos máis pobres, pero os pobres aínda máis pobres. A crise económica que asolaga Galicia e o Estado desde 2008 minguou en moito os ingresos dos fogares, pero máis aínda os daqueles que xa tiñan moitas dificultades para chegar a fin de mes daquela. Nin redistribución da riqueza, obviamente, nin moito menos das penurias das familias.

Os fogares galegos ingresan case 1.500 euros ao aon menos que antes do comezo da crise

O ingreso medio por fogar en Galicia ao mes descendeu en 123 euros en catro anos, desde 2008 até 2012, segundo os últimos datos a Enquisa de condicións de vida das familias que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos hai unha semana. Segundo se tira das cifras, as casas do país ingresaban 2.029 euros de media mensualmente en 2008, unha cantidade que foi descendendo paseniñamente durante a crise económica ata alcanzar os 1.906 de finais de 2012, unha cifra que puido incluso empeorar neste 2013. En total, 1.476 euros menos ao ano de media en cada fogar galego.

O ingreso medio dos fogares galegos descendeu en apenas 20 euros no primeiro ano da crise, outros 33 no segundo e uns 70 euros máis entre 2010 e 2012. Unha perda económica progresiva e aos poucos para as familias galegas, pero que se ceba de maneira especial nos que xa tiñan problemas económicos antes do comezo da recesión e do inicio da enorme destrución de emprego en todo o Estado. Son esas familias as que sofren con maior virulencia a caída de ingresos, malia ser xa os colectivos que menos capacidade adquisitiva tiñan.

As familias que xa chegaban con dificultade a fin de mes antes da crise perderon case 3.400 euros de ingresos anuais en cinco anos

Así, e segundo as cifras que achega o IGE, nos fogares onde xa se chegaba "con moita dificultade" a final de mes en 2008 o ingreso medio caeu en 173 euros mensuais e, xa que logo, en 2076 euros ao ano en catro anos, os peores da crise económica. Dos 1.316 euros que entraban nestas familias hai cinco anos pasouse aos 1.143 de hai un ano, unha diferenza que é aínda moito maior se tomamos como refrencia o ano 2007, xa que nese caso a diferenza chegaría aos 283 euros ao mes de media e os 3.396 por ano.

No caso dos fogares que aseguraban chegar "con dificultade" a final de mes, o ingreso medio mensual baixou de 2008 a 2012 en 118 euros (de 1.771 a 1.653) e en 1.416 euros por ano, mentres que as familias que rematan o mes "con facilidade ou moita facilidade" deixaron de ingresar 116 euros por mes nos catro peores anos da crise (1.392 por ano), pero pasando dos 2.515 euros que entraban no fogar en 2008 aos 2.399 de finais de 2012. A fenda social agrandada de novo.

Ademais, as diferenzas non son só por clase social, senón tamén pola localidade onde se asenta cada fogar. O ingreso medio mensual por fogar foi máis acentuada nas familias que viven en vilas de entre 10.000 e 20.000 habitantes, onde a caída foi de 184 euros entre 2008 e 2012 (de 1.990 a 1.806), e nas que habitan en cidades de entre 20.000 e 50.000, onde o descenso é de 175 euros, de 2.077 a 1.902.

O descenso nos ingresos foi maior nas vilas medias que no rural ou nas grandes cidades

Nas localidades de menos de 10.000 habitantes, onde os ingresos medios mensuais xa son moito menores, a caída dos ingresos por familia foi tan só de 38 euros neses catro anos, mentres que nas grandes cidades (con máis de 50.000 habitantes), a perda de ingresos por fogar foi de 145 euros, pasando dos 2.279 euros de 2008 aos 2.134 de 2012. Outra diferenza evidente entre o rural e o urbano, entre a costa e o interior.

 

Ingreso medio mensual por fogar en Galicia
2007 2008 2009 2010 2011 2012
2.026 2.029 2.010 1.977 1.908 1.906

 

Traballando nun fogar galego © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.