Os fogares galegos son cada vez máis pobres

Aumenta o número de fogares con dificultades para chegar a fin de mes CC-BY-NC-SA Markel 2007

A pobreza aumenta en Galicia e as dificultades dos galegos para chegar a fin de mes son cada vez maiores. Así o reflicte a enquisa de condicións de vida que elabora o INE correspondente ao ano 2013. Así, a taxa de risco de pobreza (a xente que se sitúa por baixo do limiar da pobreza) no país situouse o ano pasado no 17,2% fronte ao 16,8% de 2012, aínda que por baixo da media estatal, onde ascende ao 20,4%. Aragón, Asturias, Cataluña, Navarra, Euskadi ou Madrid teñen mellor datos que a comunidade autónoma.

A taxa de risco de pobreza sitúase en Galicia no 17,2%

Segundo este inquérito, o 16,6% dos fogares galegos teñen dificultade para chegar a fin de mes, ao tempo que un 57,1% non pode permitirse marchar de vacacións fóra da casa nin tan sequera unha semana ano ano. Respecto a este último dato, tan só Murcia (63,6%) e Andalucía (57,4%) superan a porcentaxe de familias que non poden gozar dunha viaxe de sete días para o descanso ou o ocio. Esta taxa galega aumentou en case dez puntos en Galicia no último ano e é case doce puntos superior á media estatal.

Case catro de cada dez fogares galegos non pode asumir gastos imprevistos e a súa renda media anual é inferior á media estatal

Ningún dos datos son positivos nunha enquisa na que tamén se indica que case catro de cada dez fogares galegos (o 38,5%) non pode asumir gastos previstos e que o 5,5% ten atrasos nos pagamentos relacionados coa súa vivenda principal. Do mesmo xeito, o ingreso medio anual neto por persoa en Galicia  é menor á media estatal, ao situarse nos 10.106 euros fronte aos 10.531 do conxunto do Estado. Máis de 500 euros menos por ano.

En canto á renda media anutal por fogar, en Galicia sitúase nos 25.939 euros, unha cifra tamén inferior á media estatal, que é de 26.775. Ata oito comunidades teñen nas súas casas un maior ingreso medio anual.

Por outra banda, en Galicia case seis de cada cen fogares (5,7%)  non poden permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días, unha cifra que tamén é superior á media estatal (3,4%) e que multiplica por máis de cinco a porcentaxe de hai un ano, cando se limitaba ao 0,8% da poboación galega. Só nas Canarias e en Melilla este dato é peor.

O 13,3% das familias galegas non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada; é o peor dato do Estado

Pero Galicia aínda é a peor situada noutra variable. O 13,3% dos fogares galegos non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada, unha carencia enerxética máis de cinco puntos superior a media estatal (8%). 

 

Datos estatais

En canto aos datos estatais, en España o 16,9% dos fogares tiveron moitas dificultades para chegar a fin de mes en 2013, a porcentaxe máis alta rexistrada desde o inicio da crise económica e varios puntos inferior á de 202, cando esta cifra era do 13,5%. En 2007, as familias que chegaban a final de mes con moita dificultade eran o 10,7%.

A estatística, ademais, revela que o 41% dos fogares non tiñan capacidade en 2013 para afrontar gastos imprevistos, proporción que descendeu respecto a un ano antes, cando as familias nesta situación alcanzaban o 41,4%.

Os ingresos medios por familia son case un 10% inferior aos de hai catro anos

Respecto dos ingresos medioas anuais netos por fogar, eses 26.775 euros son o valor máis baixo polo menos desde 2009, cando comeza a serie retrospectiva que o INE elaborou para poder comparar cifras. Estes ingresos medios por familia en 2012 son un 3,5% inferiores aos de 2011, cando se situaban en 27.742. Se miramos máis atrás, reducíronse un 9,6% en catro anos.

Traballando nun fogar galego © CCOO
© UGT-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.