Os gandeiros galegos reciben polo leite un 30% máis que o pasado ano

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

Ultimamente non estamos afeitos ás boas novas, sobre todo na economía e, moito máis, no que respecta ao rural galego. Porén, a evolución nos últimos meses dos prezos do leite en orixe, o que reciben os gandeiros, si é inequivocamente positiva, deixando atrás anos nos que os produtores galegos recibían prezos ínfimos por litro, moi por debaixo da media española e aínda máis do que obtiñan as explotacións no resto de Europa. O prezo medio en orixe declarado polos compradores (38,57 céntimos por litro) situouse en outubro, por vez primeira nos últimos seis anos, por riba da media española (38,10), fronte aos 29 céntimos de hai doce meses.

O prezo medio en orixe declarado polos compradores (38,57 céntimos por litro) situouse en outubro, por vez primeira nos últimos seis anos, por riba da media española (38,10)

Supera mesmo as cifras de 2007 e 2008, cando os prezos roldaban os 36 céntimos. Dende entón, non fixera máis que descender, baixando até os 27 céntimos en 2009 e manténdose entre os 29 e os 30 nos tres últimos anos. En outubro do pasado ano os produtores recibían 29,70 céntimos, unha cantidade que se foi incrementando de vagar, superando os 32 céntimos en xaneiro, os 34 no verán, até os actuais 38,57.

  Xan Feb Mar Maio Abr Xuñ Xul Ago Set Out
Céntimos por litro 32,65 32,66 32,76 32,84 33,06 33,03 34,44 34,86 35,59 38,57

Prezos do leite en orixe en Galicia (2013)

Os baixos prezos do leite nos últimos anos provocaron numerosas protestas no agro galego, que chegaron até a folga de entrega de novembro do ano pasado. Estas accións de presión "contra as industrias, distribución e administracións" buscaban "poñer freo ao espolio inmoral e ilegal que cada día sofren os gandeiros galegos". Nas tres xornadas de paro, seguido unanimemente polas 11 mil explotacións galegas, deixáronse de recoller 12.000 toneladas de leite. A protesta acabou cun principio de acordo coa administración, aínda que despois denunciáronse presións de varias empresas para para asinar contratos retroactivos "a prezos ruinosos" ou a negativa do Goberno de fixar un prezo mínimo.

  2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 (out)
Galicia 29,71 29,61 36,53 36,84 27,69 28,59 30,67 29,46 38,57
España 31,25 30,51 36,41 39,08 30,02 30,45 31,80 31,31 38,10

Prezo por litro pagado aos gandeiros en Galicia e España. Cétimos por litro

Denunciábase, por exemplo, que os gandeiros galegos recibían menos cartos polo seu leite que os doutras zonas do Estado, un diferencial medio de entre un e tres céntimos nos últimos anos, máis grande se a comparación se establecía cos prezos pagados en Andalucía (cinco céntimos máis) ou Asturias (tres céntimos máis). Diferenzas máis importante atopábanse comparando cos prezos pagados en Holanda ou o Reino Unido, por exemplo. Isto uníase a que o prezo dos insumos, necesarios para a produción, non paraba de subir. O Índice de Prezos en Alimentación Animal (IPAA) tivera un incremento do 21% en 2012 con respecto a 2011, debido ao aumento do prezo das importacións de soia de Sudamérica.

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.