Os gandeiros insisten en que a Lei de Cadea Alimentaria prohíba vender a perdas

Acción de SLG e COAG ante o Senado © SLG

Nun acto convocado pola Coordenadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), gandeiros de todo o Estado volveron demandar diante do Senado que a futura Lei da Cadea Alimentaria inclúa no seu articulado a prohibición de vender por baixo de custos de produción. Fano ante esta Cámara, que debaterá o vindeiro xoves 11 a norma que segue sen contentar os labregos.

Unha representación do Sindicato Labrego Galego (SLG) acudiu á manifestación, na que se volveu denunciar que segue a haber supermercados que venden o leite a prezos inferiores a 50 céntimos o litro, "o mesmo que se paga por algunhas marcas de auga e que é imposible que dea para cubrir as marxes de beneficio na cadea de valor do produto". Esta situación obriga as explotación a vender por baixo dos custos de produción, tal e como denunciaron os gandeiros, que completaron a súa protesta enviando a cada senador un cartón de leite para que se "conciencien da inxustiza" que supón manter o mercado nesta "anormalidade".

O SLG denuncia que a lei non inclúa prohibir vender a perdas malia a promesa de Feijóo

O texto da futura lei prohibe determinadas prácticas comerciais consideradas abusivas como a modificación unilateral de contratos, os pagamentos comerciais non previstos de xeito contractual, o incumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei de Morosidade ou a manipulación de poxas electrónicas, entre outras. "Así e todo, segue sen prohibir a venda a perdas", denuncia o SLG, que lembra "as promesas feitas por diversos políticos do PP de Galicia, incluído o seu presidente Alberto Núñez Feijóo, de prohibir a venda a perdas", algo que segue faltando na norma.

"Obrigar as explotacións a vender por baixo dos custes de produción é unha práctica comercial absolutamente abusiva e desleal, denunciada sen éxito por produtores e produtoras, industria e mesmo distribución minorista en infinidade de ocasións durante os últimos anos e que xera graves perdas económicas e de emprego no conxunto da cadea e da economía", insiste o SLG, que censura esta práctica "especulativa" que cada vez está máis estendida, xa que o leite, pero tamén as carnes ou as hortalizas e froitas de tempada, véndense como produtos reclamo con prezos ao público "anormalmente reducidos".

"O anormalmente barato pódenos saír moi caro e o campo págao coa ruína", di COAG

Por outra banda, o secretario xeral de COAG, Miguel Blanco, subliñou que "cada vez que a gran distribución utiliza un alimento básico como produto reclamo e o vende a perdas achéganos un pouco máis á dependencia alimentaria do exterior". "O anormalmente barato pódenos saír moi caro e o campo págao coa ruína", insistiu, tras pór como exemplo o sector lácteo. "En España pasamos de 140.000 gandeiros na década dos 90 a apenas 20.000 na actualidade; arrepentirémonos cando no noso almorzo só haxa leite francés", rematou.

Acción de SLG e COAG ante o Senado © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.