Os homes con soldos superiores a 30.000 euros duplican as mulleres en Galicia

Mariscadoras en Camariñas CC-BY-NC-ND brindavoine2002

As mulleres galegas cobran, de media, un 23% menos que os homes nos seus postos de traballo por conta allea. Ademais, as novas empresas creadas no país teñen, no 70% dos casos, fundadores masculinos. Isto sucede nun contexto no que as cifras oficiais de poboación indican que en Galicia viven máis mulleres ca homes, no que o alumnado dos estudos superiores é maioritariamente feminino e no que as estudantes protagonizan os galardóns de excelencia académica. Malia estas circunstancias nos postos de traballo mellor pagados do país a presenza de homes practicamente duplica á de mulleres, mentres que nos postos de traballo máis precarios o persoal feminino é maioría.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar un estudo que, baseado na mostra continua de vidas laborais da Seguridade Social, ofrece unha reveladora fotografía, correspondente ao ano 2012, da desigualdade de xénero no mercado laboral galego. As cifras indican que nese ano, en plena crise, a media de persoas afiliadas foron unhas 894.000 e, delas, apenas o 11% superaban os 30.000 euros de salario anual. Son, en total, unhas 97.000 persoas das que practicamente sete de cada dez son homes. Nomeadamente, situáronse nesta franxa salarial 63.550 homes e 33.535 mulleres, pouco máis da metade.

As mulleres son maioría nas franxas salariais máis baixas e son minoría nos soldos superiores aos 15.000 euros anuais

Fronte á preponderancia masculina nos soldos máis altos, as mulleres son maioría ao ollar á banda baixa das remuneracións. Así, no grupo salarial máis numeroso, o das 192.000 persoas que percibiron menos de 6.000 euros ao ano, atópanse uns 87.000 homes e algo máis de 105.000 mulleres. Tamén hai máis traballadoras que traballadores entre os grupos de poboación que nese ano percibiron entre 6.000 e 8.000 euros, entre 8.000 e 10.000, entre 10.000 e 12.000 ou entre 12.000 e 15.000.

É xustamente a partir dos 15.000 euros ao ano cando a relación se invirte. Así, no segundo grupo de persoal afiliado máis numeroso, o de remuneracións de entre 15.000 e 20.000 euros ao ano, atopáronse 102.000 homes e pouco máis de 63.000 mulleres. No grupo de persoas afiliadas que cobraron entre 20.000 e 30.000 euros a proporción é semellante: 80.850 homes fronte a 49.700 mulleres. De 30.000 euros cara a arriba prodúcese o devandito desequilibrio, de case o duplo.

As mulleres que non cotizaron o ano enteiro son máis que os homes que non o fixeron

Ademais de nas cantidades percibidas, as mulleres tamén saen prexudicadas noutra das variables analizadas neste estudo: o tempo que puideron estar cotizando á Seguridade Social, un indicador que volve confirmar que a temporalidade afecta máis ás traballadoras que aos traballadores. Así, por exemplo, no conxunto do persoal afiliado un 38% dos homes non o estiveron durante todo o ano 2012, mentres que esta proporción é case catro puntos superior nas mulleres, cun 41,9%.

Na franxa do persoal que cobra máis de 30.000 euros, pola contra, a relación prodúcese á inversa. Entre as persoas que cobran os salarios máis altos, onde as mulleres son minoría, as traballadoras que non cotizaron todo o ano foron o 4,4%, mentres que os homes que non o fixeron foron o 5,5% do total.

Traballadoras do sector conserveiro CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.