Os impagos no comercio dispáranse máis do 213% en Galicia

Interior dun establecemento comercial CC-BY-SA CCOO

Dispárase o importe dos efectos de comercio impagados en Galicia. A variación interanual no pasado mes de marzo situouse no país no 213,5%, sendo a comunidade autónoma con maior taxa interanual, con moitísima diferenza, e fronte á redución do 24,5% de media no Estado, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

O importe dos impagados baixa un 24,5% no Estado, pero sobe un 213,5% en Galicia

O feito é que o resto das autonomías sufriron un descenso, agás A Rioxa, Canarias ou Castela e León, con aumentos de menos do 5%. Así, no terceiro mes do ano venceron en Galicia efectos por un importe de 722,5 millóns de euros, dos que foron impagados 92 millóns, o que supón un 12,7%, tamén a maior porcentaxe entre todos os territorios e lonxe da media estatal do 3,8%.

Ademais, a variación en relación ao mes anterior foi en Galicia do 319,1%, fronte á media española do 20,6%. Galicia, Madrid e Cataluña concentraron o pasado mes de marzo o 58,1% do total do importe dos efectos de comercio impagados.

Xa que logo, no conxunto do Estado español, o número de efectos de comercio comprados a prazos e devoltos por falta de pagamento de familias e empresas baixou un 14,3% en marzo en relación a igual mes de 2012, até sumar 283.232, segundo os mesmos datos do INE. Deste xeito, a morosidade nos comercios encadeou en marzo once meses de descensos interanuais. Respecto ao importe total dos efectos de comercio devoltos impagados, que no conxunto de España baixou un 24,5% en marzo, reduciuse até os 520 millóns de euros, mentres que o importe medio situouse en 1.837 euros, un 11,9% menos que en marzo de 2012.

A porcentaxe dos efectos de comercio impagados sobre vencidos alcanzou o 3,8% no terceiro mes do ano 2013, catro décimas por baixo do rexistrado en marzo de 2012. O importe medio dos efectos vencidos (1.954 euros) foi superior ao dos impagados (1.837 euros), pero inferior ao dos efectos pagos (1.959 euros).

En total, o número de efectos vencidos superou os 6,9 millóns en marzo pasado, un 11,7% menos respecto de igual mes de 2012, e o seu importe foi de 13.612 millóns de euros, un 17,2% menos en taxa interanual. En taxa mensual (marzo sobre febreiro), o importe dos efectos vencidos baixou un 0,5%, o único descenso neste mes no últimos cinco anos, mentres que o dos efectos impagados aumentou un 20,6%, rexistrando o seu maior crecemento desde 2009.

Interior dun establecemento comercial CC-BY-SA CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.