O Consello Xeral do Poder Xudicial publica de forma trimestral unha serie de indicadores sobre os efectos da crise económica, medidos a través da súa plasmación nos tribunais que interveñen en determinados procesos: dende as execucións hipotecarias, os embargos, as demandas de despedimentos, os procedementos concursais ou os lanzamentos inmobiliarios. Estes indicadores viñeron experimentando na súa maior parte unha certa mellora dende os peores anos da crise.
Nos seis primeiros meses de 2017 houbo 1.416, un 10% máis que o ano pasado e por riba do 2014, o peor ano ata agora
Esta mellora nunca foi tal no relativo ao número de lanzamentos inmobiliarios, que se mantiveron estables nos últimos anos, dende o 2013 (primeiro no que se comezaron a ofrecer datos), cando se produciron 2.404, ata o 2016 (2.384), cun máximo en 2014 (2.519). Porén, 2017 vai camiño de superar os peores datos rexistrados. De momento, o rexistro do segundo trimestre convértese no máis negativo dende o 2012, con 732 expulsións. Sumado a un primeiro semestre qua xa empeoraba os datos do mesmo período do 2016, no que levamos de ano houbo 1.416, un 10% máis que o ano pasado, e por riba dos números de 2014, o ano con máis lanzamentos ata o momento. Pola contra, a situación no conxunto de España mellora, cun descendo dun 8,4% con respecto ao mesmo período do ano 2016.
Dous de cada tres lanzamentos prodúcense polo impago de alugueiros
A gran maioría dos lanzamentos prodúcense polo impago de alugueres. En concreto, os lanzamentos produto da aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos representan dous de cada tres (un 65%), moi por riba dos que son produto de execucións hipotecarias. De igual xeito, o número de execucións hipotecarias iniciadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño descendeu con respecto ao ano pasado, continuando a tendencia á baixa dos últimos períodos, que só se viu interrompida polo incremento rexistrado no primeiro trimestre deste ano.
Si empeoran en Galicia as demandas por despedimento nos Xulgados do Social. As presentadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño pasados, un total de 1.432, supoñen un incremento interanual do 9,7 por cento.