Os madeireiros galegos inician unha folga contra as grandes papeleiras

19 asociacións de produtores acordaron paralizar o subministro de madeira Dominio Público Praza Pública

Máis de 150 pequenas e medianas empresas galegas dedicadas á provisión de madeira ás fábricas de pasta de celulosa iniciaron este luns unha folga en protesta polo descenso dos prezos, do que culpan a un acordo entre as tres grandes papeleiras do noroeste: Ence, Portucel e Celvi, que controlan o 85% do mercado. O acordo de non venderlles madeira a estas empresas foi adoptado por 19 asociacións de produtores, que subliñaron a estraña "coincidencia" de que que no mesmo mes as tres pasteiras de referencia decidisen baixar o prezo da madeira de eucalipto en 3,50 euros por tonelada, ao redor dun 10% do prezo anterior.

Culpan do descenso de prezos a un acordo entre as tres grandes papeleiras do noroeste: Ence, Portucel e Celvi, que controlan o 85% do mercado

Os produtores cren que existe un acordo de prezos, que sería ilegal, polo que ademais da folga anuncian accións legais. Os convocantes da folga aseguran que si seguirán subministrando madeira a outras compañías, coma Finsa ou a vasca Iberpapel, que non incorreron nesa fixación de irregular de prezos. Sinalan que o prexuízo que poden sufrir é moi grande, pois todas elas contan con importantes stocks de mandeira, que adquiriron a prezos elevados, pensando en vendela por un valor superior ao que agora lles ofrecen. A decisión foi adaptada o pasado xoves en Vilalba, nunha tensa asemblea que contou coa participación de produtores e propietaros, procedentes de toda Galicia, de Asturias e do norte de Portugal.

Os convocantes sinalan especialmente a ENCE, do que aseguran que coas súas prácticas "conseguiu unir o sector" como nunca se fixera. Ante a petición de explicacións polo descenso dos prezos, a Federación de Asociacións de Produtores de Madeira de Galiza (Promagal) asegura que "ENCE foi a única que fixo declaracións, alegando fundamentalmente consecuencias negativas da reforma eléctrica e enerxética". Porén, a criterio de Promagal e doutras asociacións, "a venta de madeira para celulosa non ten relación algunha coa produción eléctrica e enerxética, de feito ENCE negouse sistematicamente a pagar cantidade ningunha pola biomasa". Promagal sinala que "as deficiencias na planificación empresarial de ENCE non deben ser asumidas polos propietarios de montes". "Máis" -engaden- "tendo en conta que non é a primeira vez, xa que en xaneiro do 2013 sucedeu algo similar motivado entón pola denominada Tasa Soria”.

Cren que con estas accións as grandes pasteiras queren expulsalos do mercado, para poder mercar a madeira directamente dos propietarios, a prezos máis reducidos

Estas pequenas e medianas empresas forestais afirman realizar un labor imprescindible para o sostemento dos pequenos produtores e dos propietarios locais, e polo tanto para o desenvolvemento da Galicia rural. Cren que con estas accións as grandes pasteiras queren expulsalos do mercado, para poder mercar a madeira directamente dos propietarios, a prezos máis reducidos. Lembran que empresas como ENCE levan anos tratando de "eliminar intermediarios" no proceso de adquisición da madeira, para así controlar o mercado por completo.

Tamén aseguran representar unha importante masa de traballadores, até un total de dous mil empregos en toda Galicia. Engaden que esta situación se suma "ás actuais tasas derivadas das ordenanzas municipais e das Deputacións que repercuten á baixa no prezo da madeira sen que se reflitan na mellora de servicios e infraestructuras forestais". 

Asociacións como Promagal xurdiron nos últimos anos en toda Galicia "ante as reiteradas baixadas de prezos da madeira para o produtor". En boa medida este descenso dos prezos estivo motivado pola importación de madeira tropical e significou, ademais, practicamente unha equiparación entre os prezos das madeiras máis baratas, coma o eucalipto e o piñeiro, coas das especies caducifolias, coma o carballo e o castiñeiro, de ritmos de crecemcento e corta máis longos, desincentivando a plantación destes últimos

19 asociacións de produtores acordaron paralizar o subministro de madeira Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.