A prima de risco supera os 490 puntos básicos, o nivel máis alto desde novembro; a débeda dos bancos españois co Banco Central Europeo (BCE) supera os 262.000 millóns tras medrar un 15,7% en abril; o economista e Nobel Paul Krugman prevé un corralito en España e asume xa a saída de Grecia do euro, algo que non descarta o propio BCE; mentres que a Bolsa, lastrada pola caída no sector financeiro, segue en picado.
“Os mercados son insaciables”, adoita ser a resposta. Nin rastro da confianza que disque ían traer a España as reformas do novo Goberno do PP e, por suposto, nin rastro da recuperación das taxas de desemprego, que seguen medrando mentres as previsións apuntan a máis parados e máis precariedade.
“Ou apagamos o lume e volvemos reconstruír o edificio, desta vez ben, ou ardemos con todo dentro”. Así de duro é o economista David Peón, que coincide na súa análise co catedrático de Economía Aplicada, Xavier Vence, que cre que “a xente comeza a decatarse de que estamos metidos nunha pendente que non ten fin, que non hai moito futuro se non cambiamos”. Os cambios que esixen eles, e moitos outros expertos, apuntan á UE e á súa política económica, esa na que xa non confían moitos dos cidadáns, pero tampouco os temidos mercados.
"O modelo da UE é claramente insostible a longo prazo; non hai instrumentos políticos que permitan domesticar a economía"
“Isto acabará sendo insostible”, coinciden ambos os dous expertos, logo de espertarse de mañá coa prima de risco disparada e os mercados axexando a España de novo. Peón e Vence critican “a resposta que a Unión Europea dá a crise” e reclaman un cambio de rumbo no Banco Central Europeo (BCE). “A saída pasa por que o BCE se poña a comprar débeda de forma masiva, para que se calmen os mercados, aos que hai que dicirlles: 'se vós non ides comprar débeda, cómproa eu'. Se os mercados perciben iso, acabarán mercando”, asegura Peón.
“Na UE hai unha deficiencia crucial: construír o BCE como un banco independente que non financia os estados nin apoia a súa emisión de débeda fai que os países da Eurozona estean nas mans dos especuladores ante calquera desequilibrio ou problema”. Isto, unido ao “incorrecto deseño da arquitectura institucional da UE”, son as claves para Vence. “É un modelo claramente insostible a longo prazo porque hai unha grande heteroxeneidade e non hai instrumentos políticos que permitan domesticar minimamente a economía ante calquera desequilibrio”, explica.
“Ou camiñamos na dirección de maior integración fiscal e cun BCE facendo o papel que xoga noutras economías, de subministrador de financiamento dos estados, ou non hai saída”, engade Peón, que fai unha comparación clara: “O que pasa en Europa é coma se Nova York non quixese salvar a California, alí a ninguén se lle pasaría pola cabeza facer iso, pero na UE é diferente”.
"Ou o núcleo forte da UE aposta por reformas esenciais para apoiar a economía produtiva, ou a perspectiva é a desintegración"
As previsións, non só as de Krugman, son desalentadoras. “Ou o núcleo forte da UE aposta por reformar moitas cousas esenciais na Unión e no BCE para apoiar a economía produtiva e reformar o sistema financeiro, ou a perspectiva é a desintegración”, di Vence, que ve “difícil” pensar que a Unión “ature durante moito tempo un espazo cada máis desigual e con menor cohesión”.
O problema, tanto para Vence como para Peón, é evidente: “Os mercados non cren no modelo do Euro; non cren que vaia saír adiante e os capitais foxen de Italia e de España”. “No fondo o problema non é tanto das políticas de Rajoy ou de Zapatero, senón que os mercados non confían na zona Euro”, insiste Peón, que coincide con Vence. “Non cren no modelo do euro porque o ven esgotado; máis aló de movementos especulativos, que os hai, tamén saben que este tipo de UE é insostible”, engade o catedrático da USC, que cre que “non hai vontade política para facer reformas de calado, o que fai moi sombrías as expectativas da Unión”. “Hai moitas razóns para pensar que isto acabará cascando, así que os que adoptan decisións de investimento, acaban actuando en consecuencia”.
"Non hai vontade política para facer reformas de calado; os mercados saben que este tipo de UE é insostible"
“Non quero alarmar a xente, pero se non se cambia o rumbo, semella que só hai a opción de saír do euro ou impagar”, di Peón, que non descarta a marcha de España da unión monetaria se o BCE non fai o seu labor como prestamista de última instancia e non hai unha maior integración fiscal, ao igual que Vence. “Se seguen nas mesmas e con este deseño, Grecia, voluntaria ou involuntariamente, sairá do euro para poder controlar a súa economía e detrás deles poderán ir outros. Se non se adoptan outro tipo de medidas de fondo que o corrixan, tarde ou cedo, a saída de España do euro forma parte dun escenario posible”, di o catedrático, que cre que a UE tiña a opción de “realizar reformas radicais” que reactivasen a economía ou “manter o modelo a costa do sacrificio do pobo”. “Optou pola segunda e así vai a cousa”, engade quen pensa que “o corsé” europeo impedirá o crecemento económico de Galicia e España.
"Ou non pagamos ou España sae do euro", di Peón. Vence cre que a marcha de España da eurozona "é posible"
“O corsé da política monetaria, das poíticas fiscais, das políticas industriais que non se deixan aplicar, da competencia ou o que se aplica á agricultura e á pesca... A ver quen é o listo que desenvolve no Estado un tecido produtivo suficiente para crear todo ese emprego destruído”, advirte Xavier Vence, que coincide no pesimismo con David Peón, que lembra tamén que acudir ao rescate “pódese facer cunha economía como a grega, pero non coa española”. “O que se come de xuros a débeda pode acabar con todo: sanidade, educación, servizos públicos... Ou cambiamos a política, ou sairemos do euro”, sentencia.