"Os Orzamentos da Xunta están feitos por un contable que só recibe instrucións"

O economista Manuel Lago © CCOO-Galicia

O economista Manuel Lago fai balance da situación económica e laboral de Galicia logo dun ano 2012 que cualifica como "unha catástrofe" para a comunidade. Acusa a Xunta de non ter "idea nin proposta ningunha para reactivar a economía" e culpa dos pésimos datos de desemprego da comunidade á "influencia negativa" das políticas que chegan desde o Goberno de Feijóo e que "acentuaron" a crise na autonomía. A entrevista continúa a serie de conversas con expertos que analizan o presente e o futuro económico do país e nas que xa participou Enrique Negueruela.

Os últimos datos da EPA insisten nas pésimas cifras de emprego en Galicia, pero a Xunta segue presumindo dun diferencia positivo que xa é cada vez menor.

Fronte á demagoxia están os datos, que reflicten claramente que en crecemento e en emprego, as cifras de Galicia son moi malas, tanto en termos absolutos como comparándonos co noso pasado recente ou con outros territorios. O ano 2012 foi unha catástrofe en termos de paro porque son as peores cifras de destrución de emprego no Estado, pero tamén en Galicia, que ten unha caída similar á do conxunto de España. O país perdeu uns 50.000 empregos no pasado ano e iso é demoledor.

"Fronte á demagoxia están os datos; o ano 2012 foi unha catástrofe para Galicia"

Cal é o motivo desta dura destrución de emprego?

É a consecuencia anunciada da situación da economía europea, española e galega, pero tamén das políticas económicas que se aplican. Europa vai camiño de entrar nunha segunda recesión en catro anos e iso nunca ocorrera en tempos normais. É consecuencia da política neoliberal obsesionada co déficit que impón Merkel e que outros seguen.

Pero a destrución de emprego é maior que noutros países europeos. Por que?

Volvemos estar baixando pola pendente da recesión e cando hai recesión hai destrución de emprego, pero é certo que a elasticidade entre redución do PIB e caída do emprego en Galicia e España é moitísimo máis elevada que en calquera outro lugar do mundo. Con cada caída, temos unha brutal destrución de emprego, entre outras cousas porque, ao contrario do que se di, a normativa laboral española é dura para o traballador e favorece as empresas. Tiñamos un mercado laboral dominado polos contratos eventuais e, agora, coa reforma laboral esta precariedade trasládase aos indefinidos e aos empregados públicos, xa que as administracións desfanse de moitos máis traballadores dos que se desfarían porque teñen máis facilidades para facelo.

"Galicia axusta as contas a cambio de enviar moita xente ao paro e de pechar empresas"

Por que Galicia está a perder de maneira tan rápida o diferencial positivo co Estado en relación co paro?

Galicia partía na fase inicial da crise dunha situación mellor que a media española, en parte porque non tiñamos desenvolvido o mesmo nivel de burbulla inmobilaria que no Mediterráneo. Pero esa vantaxe perdeuse nestes anos porque o ciclo político fixo que Feijóo fose o primeiro presidente que empezase a usar Galicia como laboratorio das políticas neoliberais que logo seguiron outras autonomías e máis adiante o Goberno central de Rajoy. Esa influencia negativa desde o público foi o que acentuou os nosos problemas. Outros tardaron máis tempo en aplicar esas mesmas políticas e teñen máis problemas para axustar as súas contas, pero no noso país axústanse as contas a cambio de enviar moita xente ao paro e pechar moitas empresas.

Os Orzamentos de Galicia non semellan cambiar esa tendencia negativa nin esa política...

A posición de Feijóo é a dun devoto, un fundamentalista dos principios do neoliberalismo. Non hai nada nos Orzamentos que permita pensar que o Goberno ten algunha idea ou algunha proposta para intentar reactivar a economía ou levar a cabo políticas activas de emprego ou industriais. O Presuposto renuncia a iso e baséase na idea de que o mercado resolverá todo e que temos que resignarnos e aguantar mentres imos reducindo os gastos para que vaian cadrando as contas.

"O Orzamento de Feijóo é o da resignación e a tristeza; as contas están feitas por un contable que recibe instrucións"

Renuncia totalmente?

O Orzamento de Feijóo é un Orzamento de resignación, de tristeza. Non hai ningunha idea, nin proposta nin intento de actuar sobre nada. Son contas que non están feitas por un economista político ou por un político economista que teña unha visión de país, senón que están feitas por un contable que recibe instrucións.

Que instrucións?

As ordes estatais son as de cumprir co teito de gasto, co déficit, co nivel de débeda... E aí o contable fai a suma e a resta, e se lle faltan 400 millóns quítallelos aos empregados públicos. É así de doado para eles. Non hai intención de actuar sobre o desemprego xuvenil ou de facer algún plan concreto na economía produtiva. Os Orzamentos son un puro exercicio contable e por iso a Xunta ten a conselleira de Facenda que ten, que creo que nunca leu un libro de economía. É unha contable pulcra que fai moi ben as sumas e as restas. Facer hoxe o Orzamento de Galicia consiste simplemente en cadras as contas. E  hai exemplos deste método...

"As contas da Xunta non pretenden un estímulo económico; o seu único obxectivo é cadrar as contas"

Como cal?

A Xunta ten seis programas de políticas activas de emprego que se financiaban, en boa parte, con transferencias finalistas do Estado. O Goberno do PP decidiu reducir iso a un 50% e é o que fai a Xunta. Non se plantexa concentralos ou suprimir algún para rendibilizar outros, nada diso, o único que se fai é quitarlle a metade dos fondos. E punto. Os Orzamentos, para esta Xunta, non pretenden un estímulo económico, nin industrial nin de redución de desemprego. O presuposto só ten un obxectivo: cadras as contas e que o déficit estea no 0,7%. Se para iso ten que pechar Ferrol como cidade, pois pecharase. É un Orzamento de encefalograma plano.

Pois desde a Xunta dise que son uns Orzamentos sociais.

Porque elimina o que é eliminable: investimentos e partidas destinadas á promoción do emprego, por exemplo. Redúcese moitísimo máis en todo aquilo que debería servir para o desenvolvemento do país e iso fai que a porcentaxe do gasto en pagar nóminas no ensino e na sanidade gañen en termos relativos, pero o Goberno está presumindo de algo que en realidade debería ocultar. O que está a dicir é que para poder manter o gasto corrente, que financia os servizos públicos, renuncia a calquera estratexia para o desenvolvemento económico do país. Esa é a clave.

Que alternativas hai neste contexto de grave crise económica?

Hai comunidades que fan políticas diferentes ás do PP, pero non podemos enganarnos e pensar que a marxe de manobra que ten unha autonomía pode mudar a crise estrutural do sistema capitalista. Galicia, aínda que gobernara Beiras, non pode resolver problemas de fondo que veñen da estrutura capitalista do conxunto da UE. A solución para os problemas que ten a economía galega teñen que vir dunha solución europea e do Estado español tamén.

Que se pode facer?

Por exemplo, España ten unha presión fiscal de dez puntos por baixo da media europea. No entanto, os tipos de IRPF e IVE son iguais aos que paga un francés ou un alemán. O que ocorre é que aquí hai unha fiscalidade moi favorable para as empresas a través do imposto de sociedades e unha enorme fraude fiscal, o que fai que malia ter tarifas tributarias semellantes a outros estados, se recaden dez puntos menos, concretamente, do 45% do PIB ao 35% de España. Dez puntos máis dun total dun billón de euros que temos son 100.000 millóns de euros, dos que tocarían a Galicia uns 4.000.

"Se Feijóo e Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, en Galicia poderían estar traballando 10.000 persoas máis no sector"

Iso cambiaría moito as cousas, non si?

Iso mudaríao todo, todo. Pero se o que se plantexa -como xa lle escoitei a AGE, BNG e tamén algo ao PSOE- é un incremento de tarifas do IRPF ás persoas que gañen máis de 60.0000 euros ao ano, a recadación sería de 50 ou 100 millóns de euros, o que non cambiaría a realidade, aínda que si estea de acordo con que habería que facelo. O que hai que abordar é un cambio na política monetaria e fiscal da UE, unha redefinición de obxectivos de débeda, de déficit, de fiscalidade e de modelo de financiación autonómica no Estado. En Galicia, deberíase exercer o autogoberno para, naqueles ámbitos onde é posible actuar, pois que se actúe. Hai un ámbito menor na fiscalidade, pero tamén de política económica concreta. E hai exemplos.

Cales?

Pois se Feijóo e Javier Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, cando aínda había primas para renovables e mellores condicións, é moi posible que en Galicia estivesen traballando 10.000 persoas máis na fabricación de aeroxeradores e instalacións. Desde logo que creo que a Xunta pode facer algo en sectores industriais e produtivos importantes e claves do país, onde se debería concentrar o esforzo. Ese tipo de políticas concretas na Universidade, no coñecemento, na industria, na internacionalización, en apoio económico... Hai unha marxe de actuación importante e débese plantexar de cara ao futuro.

O economista Manuel Lago © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.