"Os plans de Renfe empeorarán a mobilidade e a calidade de vida"

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Os plans de Renfe para a supresión de numerosos servizos ferroviarios en Galicia, e que provocaría que só Santiago-Ourense e A Coruña-Vigo contasen con trens rexionais, provoca as críticas de numerosos colectivos sociais e políticos. Tal e como xa adiantara Praza hai meses, o plan de Fomento deixaría o país cun mapa ferroviario moi minguado e con varias localidades incomunicadas por vía férrea. A Plataforma pola Mobilidade Sostible da Coruña considera a medida "un novo retroceso", así como o "desmantelamento progresivo" dunha rede tan necesaria para a comunidade.

A plataforma denuncia do "desmantelamento progresivo" da rede ferroviaria na contorna da Coruña

Para esta plataforma, a diferenza doutras comunidades e doutros países, onde o tren é considerado un medio de transporte a fomentar debido á súa eficacia e respecto ao medio ambiente, "na nosa contorna máis próxima tómanse decisións que levan o desmantelamento progresivo da rede ferroviaria". "Eixos con gran potencial, como é o da Coruña-Ferrol, que precisamente en 2013 cumpre cen anos, son abandonados e esquecidos dos investimentos en infraestruturas", denuncia.

A entrada na Coruña é unha das estradas con máis densidade de tráfico de España

Ademais, outras rutas importantes para a vertebración das comunicacións, como o caso do tren a Lugo, con estacións en localidades como Oza dos Ríos, Cesuras, Curtis, Teixeiro ou Guitiriz, "tamén sufrirá a supresión de servizos e o peche de estacións". "O empobrecemento do transporte ferroviario levará aparellado que o número de vehículos que entran diariamente na Coruña siga crecendo, o que contribuirá a empeorar a mobilidade e a calidade de vida", advirte o colectivo, que lembra que a avenida Alfonso Molina, estrada que dá entrada na cidade da Coruña, é un dos cinco viais con máis densidade de tráfico de España (máis de 145.000 vehículos ao día, segundo a Dirección Xeral de Tráfico). O dato non fai que "mostrar a necesidade da mellora do transporte ferroviario como eixo de comunicación da comarca".

"Áreas metropolitanas de menor poboación, como son as de Santander, Cádiz ou San Sebastián, dispoñen de trens de proximidade, mentres que na comarca coruñesa suprímense os escasos servizos existentes", insiste a Plataforma pola Mobilidade Sostible da Coruña, que reclama "urxentemente" a mellora do servizo ferroviario e o aumento de frecuencias "que levaría un maior uso do mesmo". "Consideramos prioritaria o investimento en mellorar e modernizar unha infraestrutura xa existente, que faga do ferrocarril rexional e de proximidade un transporte competitivo", engade o colectivo, que cre que se está a "desaproveitar" a oportunidade de contar cun servizo público "cómodo, económico e sustentable".

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.