Os propietarios dos terreos dos parques eólicos tan só reciben un 1,4% da súa facturación

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Non é só que a propiedade do vento galego estea fóra de Galicia, senón que os parques eólicos deixan unha escasísima renda no medio rural do país. Os propietarios dos montes onde se asentan estes parques perciben un 1,4% da facturación total destas instalacións nos seus terreos. Así se desprende dun estudo do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (Gieea) da Universidade de Vigo, que analiza o impacto económico e social destas infraestruturas no campo galego.

O estudo do Gieea, financiado pola Fundación Juana de Vega, conclúe que os propietarios dos terreos apenas percibiron no ano 2009 e de media o 1,42% en concepto de aluguer do total da facturación dos parques. O informe achega unha base de datos que recolle, por un lado, os pagos anuais que as promotoras eólicas fan aos propietarios e os datos de facturación de cada parque. Logo de facer os cálculos globais e comparar a facturación bruta dos parques eólicos e as rendas percibidas, o estudo estima unha facturación total de case 614 millóns de euros, mentres que as rendas eólicas que quedaron en mans dos propietarios dos montes non superaron os 9 millóns de euros. O resultado da división é claro: menos do 1,5% da facturación queda en mans dos donos dos terreos.

“O sector eólico é un sector estratéxico para Galicia, pero é necesario que parte da riqueza que xera reverta no espazo próximo a onde se produce”, aclara José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, que recorda tamén que “en moitas comarcas, as rendas que os propietarios dos montes reciben das eólicas constitúen unha das poucas oportunidades de melloraren a calidade de vida, ao tempo que poden servir para estimular o desenvolvemento de iniciativas económicas de natureza produtiva e contribúen a fixar poboación no rural”. Pero nada diso acontece.

"As rendas dos propietarios son unha oportunidade de mellorar a calidade de vida e de fixar a poboación no rural"

O rendemento deste aluguer para os propietarios depende da cantidade que as compañías pagan por megavatio (MW) instalado, unha cifra que varía, e moito, segundo a zona e a empresa eólica e que adoita ser dunha renda media de 2.727 euros por MW. Así, e segundo o estudo do Gieea, algunhas das firmas que maior pagamento anual realizan son Iberdrola no parque de Larouco, con case 7.000 euros, ou DESA, en Zas, con algo máis de 6.300 euros. “Este último parque leva dez anos en funcionamento e, no ano de referencia, 2009, os propietarios dos terreos cobraron o 4% da facturación bruta da instalación”, destaca o informe, o que supón unha porcentaxe algo maior á media. Iberdrola no Vieiro e Isolux na Cova da Serpe son outras das empresas que ofrecen mellor renda, pero no extremo oposto sitúanse o de Eurovento en Riobóo, con menos de 1.200 euros anuais por MW, ou os de Acciona, ECYR, Norvento e Unión Fenosa.

A renda media que cobran os propietarios galegos é de menos de 2.800 euros ao ano por MW instalado

O problema, en moitas ocasións, está na falta de información que moitos dos propietarios teñen á hora de elixir entre os distintos modelos existentes para pactar coas empresas eólicas. Por iso, o Gieea elaborou unha guía “co fin de ofrecerlles información relevante para negociar e así poder obter mellores rendementos pola ocupación dos seus terreos”. 

Os pagos van desde os 7.000 euros por ano e MW que fai Iberdrola nalgún parque ou os menos de 1.200 euros de Eurovento

Hai tres opcións: por potencia instalada, por superficie ocupada e por porcentaxe de facturación, e o informe destaca que esta última “é a máis vantaxosa”. O problema é que só dous dos 84 parques analizados no estudo ofrecen esta clase de acordo “cunha porcentaxe no primeiro caso do 1,5% os dez primeiros anos e un 4% no resto, e un 2% durante todo o tempo de vida do parque no segundo caso”. “Esta fórmula permite obter bos rendementos”, sinala Xavier Simón,  investigador da Universidade de Vigo, autor da guía e director da investigación sobre o impacto económico da enerxía eólica en Galicia, que repara, no entanto, na diferenza entre as porcentaxes aplicadas en Galicia e as que se dan noutros territorios do Estado.

No resto de España, a media do rendemento obtido polo aproveitamento dos terreos eólicos é significativamente maior que en Galicia. En Canarias hai casos nos que se paga até o 6% da facturación, mentres que en parques de Asturias, preto da Fonsagrada e cun caudal eólico similar ao de Galicia, o pago é dun 2% da facturación máis 6.000 euros por aeroxerador ao ano. “O gran reto en Galicia de cara á nova negociación é o de conseguire porcentaxes por facturación superiores ao 5%”, destaca o informe.

O pago por porcentaxe de facturación é o máis vantaxoso, pero tamén o minoritario en Galicia

Pero o problema non está nesta modalidade de pacto coas eólicas, que é minoritaria, senón nas outras opcións maioritarias no país. O caso é “sangrante”, sobre todo no caso do pagamento por potencia instalada. O prezo medio non supera 1,2 euros por kilowatio, “cando existen prezos máximos que chegan a acadar oito euros”. En canto á superficie, o prezo máis alto acada os 0,61 euros por metro cadrado, mentres que o máis baixo é de 0,10 euros. Con todo, estas condicións non acadan os escasos niveis das expropiacións, entre as que Simón cita un caso no que se lles pagou aos propietarios 420.000 euros nun único pago, e na actualidade o parque xa leva facturados máis de 23 millóns de euros.

“Os parques eólicos están deixando pouca renda no medio rural”, critica Xavier Simón, que aposta por corrixir esta situación na nova oportunidade que se abre co novo concurso. Por iso, o investigador lembra aos propietarios “a necesidade de permaneceren unidos para facer forza, e estar o máis informados posible”. Entre outras suxestións, o experto sinala que, ademais de determinarse exactamente a superficie sobre a que se vai actuar, e a identificación nominal do parque, “deben identificarse o número de aeroxeradores, fixar como máximo 30 anos de concesión, obrigar ás empresas a utilizar os documentos de máximo valor xurídico, especificar o momento no que se vai a empezar a cobrar, fixar unha actualización anual das rendas e unha cláusula de antideflación ante posibles caídas de prezos, así como establecer a posibilidade de establecer convenios e melloras”.

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.