Os resultados da reforma laboral: 52.200 persoas ocupadas menos en Galicia

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Ano e medio despois de poñerse en marcha a reforma laboral, UGT realiza un balance dos efectos da súa aplicación en Galicia. O sindicato cualifica a norma de "gran farsa", que "nin fomenta a actividade económica, nin frea a destrución de emprego, nin mellora a calidade do mesmo, nin acaba coa dualidade nas contratacións". Para UGT os seus únicos “froitos” son "a temporalidade e a precariedade no emprego que conducen a un mercado laboral cada día máis desestruturado" e chama a "desenmascarar" unha medida "inútil, estéril e moi prexudicial para os traballadores".

O sindicato cualifica a norma de "gran farsa", que "nin fomenta a actividade económica, nin frea a destrución de emprego, nin mellora a calidade do mesmo, nin acaba coa dualidade nas contratacións"

Neste tempo, ademais, as cifras de ocupación e desemprego en Galicia manteñen unha dinámica moi negativa. A ocupación, en termos EPA, pasa de 1.080.700 no primeiro trimestre de 2011, a 1.050.500 no mesmo período de 2012 e ás 998.500 persoas do primeiro trimestre de 2013. Isto supón unha baixada de 52.200 ocupados en Galicia dende que se puxo en marcha a reforma. O desemprego, segundo os datos da EPA do primeiro trimestre, pasou das 226.500 persoas no 2011, ás 265.600 no 2012 ata as 287.400 deste ano. É dicir, case 22.000 parados máis.

En materia de contratación, a porcentaxe de indefinidos sobre o total baixa dende a aprobación da reforma. Se a efectos acumulados entre febreiro-xuño de 2012 esta era do 8,67 por cento, no mesmo período de 2013 esta foi do 8,56. E en 2011 esta porcentaxe era superior, do 9,21 por cento. Ademais, dende a entrada en vigor da reforma ata hoxe, en Galicia foron 39.018 os traballadores afectados por 3.390 EREs rexistrados neste período.

Dende a entrada en vigor da reforma ata hoxe, en Galicia foron 39.018 os traballadores afectados por 3.390 EREs

UGT lembra que a mellora da actividade económica "só se pode conseguir cunha clara aposta pola demanda interna e a clave para isto é non asfixiar aínda máis aos traballadores e á cidadanía en xeral". Para o sindicato, "resulta evidente que o problema do mercado laboral deste país pouco tiña que ver coa lexislación laboral, senón, claramente, coa falta de actividade económica".

O sindicato conclúe que a reforma está a ser un "auténtico fracaso ao que o Goberno lle debería poñer freo", a "maior agresión ao dereito do traballo producida dende a promulgación do Estatuto dos Traballadores e a consumación da involución dos dereitos laborais imposta polo Goberno do PP".

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.