Os salarios nas cidades galegas: dos máis elevados na Coruña e Santiago aos máis baixos en Lugo

Dominio Público pxfuel

Hai uns días o IGE publicou un Estudo de Salarios nas sete cidades galegas con datos procedentes da mostra continua de vidas laborais (MCVL) facilitada pola Seguridade Social e cifras correspondentes ao ano 2021, último exercicio cos indicadores dispoñibles. 

As cifras amosan que A Coruña (10,2 euros por hora) e Santiago (10) son as cidades con salarios medios máis elevados

As cifras amosan que A Coruña (10,2 euros por hora) e Santiago (10) son as cidades con salarios medios máis elevados. Porén, unha ollada máis a fondo na estatística engade algúns matices a este titular. 

En canto aos salarios medios, Vigo (9,8) e Pontevedra (9,3) aparecen por detrás da Coruña e Santiago e Ourense, Ferrol e Lugo pechan a lista. Porén, se o que se observa é a mediana dos salarios, isto é, o valor medio (por riba desa cifra está o 50% dos salarios e por debaixo o outro 50%), daquela Santiago é a urbe cos salarios máis altos (8,2 euros por hora), seguida de Vigo e Pontevedra. A Coruña só aparece aquí na cuarta posición, o que amosa que o seu elevado valor medio é produto da existencia dun reducido número de persoas con salarios moi altos que distorsionan os datos totais.

O estudo ofrece tamén datos segmentados por sexo, con valores máis elevados para os homes. Con todo, chama a atención que en Ourense, Lugo, Santiago e Pontevedra as diferenzas entre as medias e sobre todo as medianas dos salarios masculinos e femininos son moi cativas

Lugo é o concello con aparente maior concentración de persoas en torno aos valores medianos e, polo tanto, o que amosa menor dispersión salarial. No concello de Santiago de Compostela, pola contra, a distribución suxire que existe maior variabilidade no salario por hora que perciben os seus residentes.

O estudo ofrece tamén datos segmentados por sexo, con valores máis elevados para os homes. Con todo, chama a atención que en Ourense, Lugo, Santiago e Pontevedra (urbes con menos emprego industrial, masculinizado e on salarios altos) as diferenzas entre as medias e sobre todo as medianas dos salarios masculinos e femininos son moi cativas. De feito, a mediana do salario das mulleres de Lugo é máis elevadas que a dos homes.

O estudo amosa tamén os salarios medios para cada grupo de idade nas sete cidades. Neste caso hai grandes diferenzas. Entre os traballadores e traballadoras de menos de 35 anos, A Coruña e Vigo presentan os soldos máis elevados e Pontevedra e Lugo os máis baixos. Pola contra, entre as persoas entre 35 e 44 anos, de novo Lugo ten os salarios máis reducidos e A Coruña os máis altos, pero agora Pontevedra aparece como a terceira cidade con soldos máis altos e, en cambio, Vigo pasa a ser a cuarta.

No grupo seguinte (de 45 a 54) non hai grandes modificacións con respecto ao grupo anterior, pero si as hai para os traballadores e traballadoras de maior idade, por riba dos 55 anos. Neste caso, é Santiago a cidade con salarios máis elevados, por riba da Coruña e Ourense. Pola contra, Pontevedra pasa a ser a urbe con salarios máis baixos neste grupo de idade.

Finalmente, o Estudo permite ver a evolución dos salarios nos últimos anos, cunha tendencia de ascenso en todas as urbes (crecemento interrumpido durante o ano 2020 da pandemia de COVID). O aumento, iso si, semella maior en Santiago, cun salario medio que pasou de 8,8 euros por hora en 2014 a 10,2 euros por hora en 2021, e algo máis cativo noutras urbes, como por exemplo Ferrol (de 8,4 a 8,8 euros por hora).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.