Os sesenta mileuristas aos que Facenda lles encarga facerche a declaración da renda

Oficina da Axencia Tributaria © Agencia Tributaria

Dende este 10 de maio e ata o 30 de xuño a Axencia Tributaria ofrece o servizo de atención presencial para confeccionar e presentar a declaración da renda. Para atender este traballo a entidade dependente do ministerio de Facenda incorpora un total de 900 persoas, 57 deles en Galicia -30 na provincia da Coruña, 7 en Lugo, 5 en Ourense e 15 en Pontevedra- que, nalgúns casos xunto a persoal autonómico, son as encargadas de atender á cidadanía e resolver as súas dúbidas en xornadas cunha importante carga de traballo e por apenas 1.000 euros mensuais.

O sindicato CSI-F, maioritario na Axencia Tributaria, vén de chamar a atención sobre a situación deste persoal fixo-discontinuo e sobre a, ao seu xuízo, urxencia de "consolidar o seu emprego", poñéndolle fin á "precariedade" que sofren ou, o que é o mesmo rematar "coa súa discriminación" a respecto doutras traballadoras e traballadores da Administración pública. Esta consolidación, sinalan, tería que implicar "ver recoñecida a súa antigüidade por tramos anuais, como xa recollen varias sentenzas" xudiciais.

O sindicato CSI-F reclama que este persoal "consolide" as súas prazas e asuma labores de "xestión, recadación e loita contra a fraude" o resto do ano

"Moi poucos contribuíntes saben -di CSI-F- que tras atender a enorme carga de traballo da campaña da renda", isto é, ata finais de xuño, este persoal "volve á casa sen emprego ata a campaña da renda do vindeiro ano". No entanto, "o seu contrato non se extingue", toda vez que "superaron unha oposición de consolidación" en 2008.

Estes profesionais, resaltan, acumulan unha "grande experiencia" que ben podería "incorporarse ao plantel da Axencia Tributaria" en labores de "xestión, recadación e loita contra a fraude". "Dáse a circunstancia", engaden, de que "moitas destas tarefas" que poderían pasar a ser desenvolvidas por estas 900 persoas "están hoxe privatizadas", nas mans de "empresas que prestan servizos de información tributaria básica, confección de borradores ou o programa de citas". O seu custo anual, segundo a central sindical, ten "un custo anual de 9 millóns de euros" mentres "reciben numerosas queixas de asociacións de PEMES e autónomos pola súa falta de calidade".

O BNG recolle achegas de Gestha

A loita contra a fraude estivo tamén presente este martes na xuntanza mantida polo BNG cunha representación do sindicato Técnicos del Ministerio de Hacienda (GESTHA), que representa a parte do persoal da Axencia Tributaria e mais do Ministerio de Facenda, co obxectivo de incorporar propostas ao programa electoral das xerais. Coa delegación de GESTHA, encabezada polo seu presidente, Carlos Cruzado, e polos seus representantes en Galicia, Francisco González e Pedro Alonso, a formación nacionalista "coincidiu" en "sinalar o sistema fiscal español" como "cada vez máis desigual, de tal xeito que os salarios que perciben os traballaodres pagan máis impostos que as grandes fortunas".

Neste contexto, o Bloque coida que, tras a saída á luz dos coñecidos como "papeis de Panamá", fica constatada "con toda crueza" a necesidade "dunha loita activa contra os paraísos fiscais e contra o segredo bancario". Estas iniciativas, din, contrastan coa "falta de vontade política" ou coa "persecución" que o ministro Montoro practicou cara aos emigrantes retorandos, así como "co catastrazo que supón un atraco para o medio rural". Do mesmo xeito, cadraron na necesidade de que unha comisión "avalíe rigorosamente o impacto da fraude sobre a facenda galega".

Oficina da Axencia Tributaria © Agencia Tributaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.