Que o Tribunal Constitucional anule a Lei de medidas temporais para o emprego público aprobada en febreiro pola Xunta por supor “a vulneración unilateral do convenio colectivo”. Esta é a intención de CIG, UGT, CCOO e CSIF, que presentaron xa o pasado venres un conflito colectivo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra unha norma que pretenden que se suspenda mentres non se aclare se é constitucional ou non.
Os sindicatos demandan a suspensión da Lei mentres non se aclare se é constitucional ou non
Tamén é esa a esperanza de todas as centrais sindicais. Que o TSXG “suscite unha cuestión de constitucionalidade” sobre a Lei de Medidas para o Emprego Público, que afecta a un total de 11.000 traballadores laborais da Xunta e que segundo as organizacións demandantes “invade as competencias exclusivas do Estado en materia de lexislación laboral”.
Entre os numerosos motivos que argumentan os sindicatos para rexeitar a Lei atópanse tamén o feito de que a redución de xornada do persoal interino que promove a norma é contraria á normativa da UE por “unha discriminación entre traballadores”. Pero hai moitos.
As centrais cren que a norma "invade as competencias exclusivas do Estado en lexislación laboral"
Por todos eles, e ante a imposibilidade de impugnar a lei no seu conxunto, CIG, UGT, CCOO e CSIF optaron pola vía do conflito colectivo e centrarse así nos artigos que afectan ao convenio. O obxectivo é tamén que se suspendan as medidas de aforro no gasto de persoal até que se resolva o conflito colectivo, ademais de pedir á Xunta que devolva as medidas adoptadas en materia laboral “á mesa de negociación, de onde non deberon saír nunca”.
A Lei, tal e como levan denunciando durante meses os sindicatos, precariza os dereitos dos traballadores, así como dos usuarios, que “non teñen unha atención digna” por ser reducido o número de traballdores.
De feito, os empregados que dependen da Consellería de traballo e Benestar xa están a ser “os máis afectados”, como denuncian as centrais, pola aplicación dunha lei que leva só meses pero que se estenderá dous anos. A desaparición de postos interinos e substitucións, as longas e elevadas quendas de traballo ou a aplicación discrecional das medidas por cada departamento son outros dos efectos negativos que segundo os sindicatos está provocando a aplicación da norma. “Esta precariedade está afectando á prestación de servizos e a atención que se lle presta ás persoas que dependen delas”, conclúen.