Os sindicatos de NGB acusan a Feijóo de estar "agochado" e piden reunirse con el

Concentración de traballadores de NCG CC-BY-NC-SA CIG

Os seis sindicatos con representación en Novagalicia Banco -UGT, CIG, CC.OO, CSICA, CGT e ASCA- formalizaron este luns a petición dunha xuntanza co Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) ao tempo que unha concentración de delegados sindicais protestaba ante a sede do Banco de España e da Delegación do Goberno, na Coruña. No entanto, as centrais non só reclamaron esta reunión e plantaron a convocada pola entidade bancaira para estudar o plan de redución do persoal, senón que esixiron manter un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Os sindicatos esixen unha reunión co FROB, pero tamén con Feijóo, ao que acusan de estar "agochado"

Así, o secretario xeral da Federación de Servizos Financeiros de CCOO-Galicia, Julián Valiente, reclamou a xuntanza co presidente da Xunta quen, na súa opinión, "non pode estar agochado e algo terá que dicir nesta desfeita". José Ramón de Pliego-Valdés, representantes de UGT, falou nos mesmos termos e recordou que a fusión de Caixanova e Caixa Galicia chegou tras "unha decisión política", polo que responsabilizou o xefe do Executivo autonómico da actual situación.

"Feijóo meteunos nisto e algo terá que facer", aseguran os sindicatos

"El meteunos nisto e algo terá que facer", asegurou o dirixente de UGT, ao igual que Clodomiro Montero, da CIG, que insistiu no rexeitamento dos sindicatos ao plan da entidade bancaria, que prevé o despido de máis de 2.500 traballadores. No seu lugar, Pliego-Valdés solicitou a aplicación de medidas alternativas como o reparto do traballo e a redución dos salarios dos directivos "a niveis racionais".

Así, o xoves 13 de decembro, as organizacións sindicais farán entrega na sede da Xunta en Compostela dunha solicitude de reunión co presidente, ao entender que, "dado o grave impacto social, económico e laboral do plan de reestruturación, é precisa a implicación do Goberno galego". “Estamos falando da primeira entidade do país, que representa o 10% do PIB de Galicia, que ten o 40% da cota de mercado. O Goberno Galego ten que implicarse na defensa do emprego, da Obra Social e defender a propia existencia da entidade”, afirmou

Ante o cento de persoas que participaron nas protestas, os sindicatos aclararon que pediron a través dunha carta ao gobernador do Banco de España e ao Ministerio de Economía unha reunión co FROB "como propietario" de Novagalicia Banco. "Queremos información do FROB, que é o que decide como e cando se vende a entidade", asegurou Clodomiro Montero, representante da CIG, que insistiu en que os sindicatos non negociarán con NGB "sen saber antes o seu futuro". Por esa razón, adiaron a xuntanza prevista para este luns até o vindeiro 21 de decembro.

"Non compartimos un plan de futuro que pase polo despido de 2.500 persoas"

“Nunha entidade “nacionalizada” o lóxico é que o Goberno se sente cos traballadores e traballadoras para falar do emprego e da propia viabilidade da entidade”, apuntan os sindicatos. Así, Montero sinalou que unha vez recapitalizada, "Novagalicia Banco será unha das entidades máis solventes do estado", polo que dende as organizacións sindicais non se comparte un proxecto de futuro "que pase polo despedimento de 2.500 persoas e o peche dun número importante de oficinas co único obxectivo de facer atractivo o produto para un futuro comprador". "Nós non estamos pola labor de afrontar unha negociación para despedir milleiros de persoas para beneficio de futuros accionistas doutro grupo bancario”, engadiu.

Ademais, o responsable de CIG-Banca lembrou que o proceso "non só afecta o persoal de Novagalicia Banco, senón o conxunto do grupo empresarial, incluíndo aos 800 traballadores de Banco Gallego, os 400 empregados das empresas auxiliares e os 250 da Obra Social". “Queremos que o FROB nos explique que alternativa de futuro ten para todo este conglomerado de empresas e o noso obxectivo segue sendo falar de emprego e non de despedimentos”.

  

Concentración de traballadores de NCG CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.