Os sindicatos destacan o "éxito" no primeiro día de folga en Correos

Concentración de traballadores e traballadoras de Correos © FSP-UGT

UGT, CCOO, CSIF e Sindicato Libre cualifican de "éxito" a primeira xornada de folga convocada en Correos e calculan que o 80% do cadro de persoal (52 mil persoas en todo o Estado) participaron nos paros parciais, convocados pola política de recortes posta en marcha pola empresa pública. As concentracións celebradas este xoves ante os centros de traballo, denunciaron que Correos suprimiu 15.500 postos en cinco anos, 11.000 desde 2011 e está a desmantelar o servizo postal público de Correos.

As organizacións sindicais amosáronse optimistas e afirmaron que a resposta amosada é “un bo sinal” para encarar a primeira folga xeral do vindeiro 4 de maio das tres convocadas neste mes

As organizacións sindicais amosáronse optimistas e afirmaron que a resposta amosada é “un bo sinal” para encarar a primeira folga xeral do vindeiro 4 de maio das tres convocadas neste mes. Esixen que Goberno e directivos de Correos poñan freo ao recorte de persoal “que está a desmantelar o servizo postal público” e desbloqueen a regulación laboral despois de ano e medio de paralización na negociación “sen que até o momento nin empresa nin institucións políticas, expuxesen propostas reais e sólidas en prol dun acordo”.

José Manuel Sayagués, secretario do Sector Postal de FSP-UGT, afirmou que “o Goberno ten a oportunidade, cun novo Convenio, de recoñecer o sacrificio, responsabilidade e esforzo produtivo dos traballadores postais nestes últimos anos”. “A saída a este conflito laboral e social pasa por dar pasos firmes que permitan o avance nunha negociación da regulación laboral que inclúa a paralización do recorte de emprego así como dotar do persoal suficiente, incremento salarial e regulación da ultraactividade”, engade FSP-UGT.

Para as organizacións sindicais, a redución de persoal significa “unha clara precarización das condicións laborais" ademais dun “peor servizo prestado á cidadanía"

Para as organizacións sindicais, a redución de persoal significa “unha clara precarización das condicións laborais e do servizo postal público a prestar, coa dinámica imposta de recortes de persoais vía amortización de postos e redución da contratación que implica o aumento da tensión, o número de quilómetros a realizar, a polivalencia e a precarización do emprego que están a padecer os traballadores” ademais dun “peor servizo prestado á cidadanía nos termos e as garantías que a Directiva e as leis ao efecto determinan”.

Concentración de traballadores e traballadoras de Correos © FSP-UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.