Os sindicatos piden a derrogación das dúas últimas reformas laborais

Manifestacións de CIG, UGT e CCOO en Vigo © CIG / CCOO

Un ano máis os sindicatos galegos celebraron o Primeiro de Maio con manifestacións en todas as cidades, unhas marchas convocadas -como é habitual- de forma separada por CC.OO e UGT por unha banda, CIG por outra, e outras organizacións (CGT, CUT, CNT) por outra máis. As distintas centrais coincidiron nas súas denuncias e reivindicacións, chamando a loitar a prol dos dereitos laborais e sociais, e denunciando tanto a Lei Mordaza coma as dúas últimas reformas laborais, de 2010 e 2012, que pediron derrogar.

Comisións Obreiras e UGT convocaron un total de nove manifestacións en Galicia (nas sete cidades, ademais de Vilagarcía e Viveiro), baixo o lema Contra a pobreza salarial e social, traballo e dereitos. En Vigo, o secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión chamou a combater a "barbarie" capitalista e a mobilizarse para defender os dereitos que se lograron grazas á loita obreira. Lembrou que "os dereitos dos traballadores e das traballadoras son conquistas e non concesións" e salientou que estes dereitos están sendo postos en cuestión a través de determinadas decisións políticas, que esixiu reverter, dende as dúas últimas reformas laborais, ata a Lei Mordaza, pasando polos recortes. O secretario xeral de CCOO denunciou o papel do PP nos retrocesos e fixo unha apelación a "canalizar nas urnas" o "caudal de reivindicacións". "Cabe facer un uso cabal do noso voto, premiando aquelas opcións que estiveron connosco, que asumen as nosas demandas", sinalou.

Na mobilización viguesa tamén participou o máximo responsable de UGT en Galicia, José Antonio Gómez. No Manifesto do Primeiro de Maio lanzado por CC.OO. e UGT esta semana os dous sindicatos esixiron "un cambio urxente na política económica no noso país, que poña no centro a creación de emprego estable e con dereitos, e a loita contra a pobreza e a desigualdade social e salarial, a partir de incrementar o investimento público e pór en marcha un cambio de modelo produtivo, sustentable e equilibrado". As dúas centrais defenderon "o fortalecemento da negociación colectiva, ferramenta vital para lograr traballo con dereitos".

Tamén en Vigo, onde a CIG celebrou o seu acto central, o seu secretario xeral Suso Seixo reivindicou igualmente a derrogación das dúas últimas reformas laborais, "que supuxeron abaratar e facilitar os despedimentos individuais ou colectivos, reducir a contía das prestacións por desemprego e dificultar o acceso ás mesmas, provocar unha caída xeneralizada dos salarios, incrementar a xornada laboral e a precariedade, facilitar o incumprimento dos convenios e debilitar a negociación colectiva". Seixo fixo tamén fincapé na necesidade de mobilizarse contra "a represora e antidemocrática" Lei Mordaza ata conseguir a súa supresión. Seixo denunciou tamén "o carácter antisocial e antidemocrático" dunha UE "inhumana e imperial" e esixiu dos gobernos europeos "a inmediata anulación do acordo alcanzado entre a UE e Turquía".

Seixo demandou "soberanía nacional" como "ferramenta para que Galiza deixe de acumular índices negativos: paro xuvenil, desindustrialización ou emigración forzada". O sindicato nacionalista levou a cabo mobilizacións nas sete cidades e tamén en Ribeira, Foz, Vilagarcía, A Estrada, Cee e Cangas. 

Outras organizacións tamén levaron a cabo mobilizacións en Galicia. CUT e CGT, baixo o lema Contra a Europa do Capital, unidade obreira e popular, manifestáronse conxuntamente en Vigo (co STEG e outros sindicatos) e na Coruña, levando a cabo tamén a CUT un acto en Cangas e a CGT en Pontevedra. Mentres, a CNT celebrou manifestacións en Santiago, Ourense e Ferrol (pola tarde) baixo o lema Orgullo e dignidade obreirafacendo un chamamento a construír "un movemento obreiro que integre na radicalidade da súa acción fórmulas positivas e actuais de superación do capitalismo e de construción dunha nova forma social".

 

Participación de líderes políticos

Foron moitos os representantes das distintas forzas políticas que se puideron ver nas marchas, sobre todo nas manifestacións de CIG, CCOO e UGT de Vigo. Alí puido verse ao alcalde Abel Caballero, acompañado de boa parte dos concelleiros do Goberno local, o mesmo que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. De igual xeito, participaron Ana Pontón ou Carme Adán (BNG), Xosé Manuel Beiras (Anova), Rubén Pérez (EU) ou Abel Losada (PSOE).

Beiras chamou á "mobilización" e á "rebelión cívica" e fixo referencia a obreiros, labregos e mariñeiros, pero tamén aos traballadores e traballadoras precarias e aos autónomos e autónomas forzadas. Polo BNG, Ana Pontón animou a "trasladar ás urnas" as reivindicacións que se deixaron ver neste domingo nas rúas.

 

Manifestación de CC.OO. en Vigo © CC.OO.
O PSOE celebrou actos de homenaxe nos monumentos en honor a Pablo Iglesias en Compostela e Ferrol Dominio Público @godial
Acto da CIG en Vilagarcía Dominio Público @alvorota
Manifestación da CIG en Pontevedra Dominio Público @nandoroca
CC.OO. e UGT celebraron o seu acto central en Vigo Dominio Público Praza Pública
Manifestación da CIG en Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.