"Estábamos dando a lata todos os días con cortes de tráfico e mobilizacións e decidimos ir máis alá". O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Nazario Miguel Arias, explica así a razón que levou a todos os traballadores da factoría a compatibilizar estas accións de protesta con outras solidarias. "Tamén quixemos agradecer o apoio da cidadanía", explicou a Praza un empregado da multinacional". Por iso este luns na cidade herculina ducias de traballadores desta empresa acudiron de maneira "masiva" a doar sangue. "Que non che quiten o sangue, dóaa", era o lema para a acción solidaria do día de San Xosé. As doazóns seguirán durante toda a xornada, aclarou Arias a este diario, porque "foron moitos os compañeiros que acudiron" ao autobús de doazón do Sergas.
"Hai quince días escoitamos que había necesidade de sangue"
"Hai quince días escoitamos que había necesidade de sangue", engade o presidente do comité, "e por iso decidimos facer esta protesta solidaria". O pasado dez de marzo organizaron unha caravana para levar comida á cociña económica coruñesa, precisamente para "agradecer" o apoio da sociedade da Coruña. Ambas as dúas iniciativas tiveron moito éxito, de aí que preparen xa outras novas. "Sumaremos as mobilizacións de protesta con outras solidarias para seguir demandando solucións para Alcoa A Coruña", explicou Arias.
ERE temporal
O cadro de persoal está afectado por un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) temporal e a factoría está nunha situación "crítica" ante falta dun contrato de enerxía “competitivo”. "Somos conscientes de que este tema non se vai solucionar a curto prazo", explicou Nazario Arias. "A nosa loita só acaba de empezar e rematará cando o contrato de enerxía sexa unha realidade e Alcoa presente e aplique o seu plan estratéxico para os Centros de traballo de Avilés e A Coruña"