Os traballadores de Novagalicia serán os únicos que vaian á folga

Manifestación de traballadores de Novagalicia CC-BY-SA CIG

Os empregados de Novagalicia Banco están chamados á folga para este mércores día 6 contra as intencións do ERE da entidade no que se prevé o despido de milleiros de traballadores. Serán os únicos das entidades nacionalizadas que secundarán o paro, logo de que os de Bankia e Banco de Valencia -que se uniran á convocatoria hai unhas semanas- acordasen desconvocalo tras o achegamento de posturas nas súas respectivas negociacións coas empresas. As xuntanzas entre dirixentes de NGB e os sindicatos non foron dabondo para evitar a protesta no banco con sede en Galicia, que irá acompañada de manifestacións na maioría de cidades a partir do mediodía.

Os sindicatos cren que a desconvocatoria do paro noutras entidades evidencia "que mentres noutros lugares si se negocia, aquí non hai intención ningunha de facelo"

Fontes sindicais de Novagalicia non cren que a desconvocatoria do paro noutras entidades afecte á da entidade galega, xa que "cada banco e cada proceso de negociación é diferente". "O que evidencia isto é que mentres noutros lugares si se quere negociar e se chegan a acordos, aquí a intención de acordar algo non existe", insisten, tras lembrar tamén que a reestruturación que se prevé en NGB é "a máis dramática e salvaxe" dos sistema financeiro, xa que o cadro de persoal vai camiño de soportar o cuarto ERE e prevese o desmantelamento dun 60% dos traballadores nos vindeiros anos.

Tamén por iso, os sindicatos agardan "unha resposta masiva" por parte dos empregados e Novagalicia, unha noticia que demostra "a mobilización" do persoal, pero que evidencia tamén "a gravidade" da redución de cadro de persoal que se pon enriba da mesa por parte da dirección da entidade.

Os sindicatos do Banco de Valencia e de Bankia desconvocaron a folga tras o achegamento de posturas coas entidades

Foron os sindicatos do Banco de Valencia os primeiros que decidiron desconvocar a folga conxunta prevista nas tres entidades nacionalizadas logo de que alcanzasen un principio de acordo coa dirección que melloraba as condicións propostas nun principio. O ERE, segundo as últimas negociacións, afectaría agora a perto de 800 traballadores (fronte aos 890 iniciais), dos cales máis de 230 serían prexubilidados, mentres que o resto acolleríase a baixas indemnizadas, cunha indemnización de 30 días por ano traballado e con límites de 24 meses e de 36 segundo a idade. Ademais, inclúese un plan de prexubilacións cunha compensación de entre o 80 e o 85% do salario.

En canto a Bankia, e á espera de novas xuntanzas durante este martes nas que se podería chegar a un acordo, os sindicatos decidiron desconvocar tamén a folga polo achegamento de posturas coa dirección. Segundo informa Cinco Días, a entidade madrileña inclúe agora prexubilacións para os maiores de 54 anos, baixas incentivadas cunha indemnización de 30 días por ano traballado e un límite de 26 mensualidades como mínimo e 2.000 euros por cada tres anos. Ademais, prevese tamén que a cifra inicial de despedimentos (4.900) tamén se reduza un pouco.

Novagalicia mellorou a indemnización prevista e reduce os despidos, aínda que as cifras varían segundo as versións de sindicatos ou dirección

En cambio, as posturas de traballadores e directivos continúan afastadas en Novagalicia. A entidade asegura que ofreceu medidas que reducirían á metade os despidos, de máis de 2.500 a 1.250, aínda que os sindicatos (CIG, CCOO, UGT, Csica, ASCA e CGT) manifestan que a redución só sería de 250. O que si mellorou a dirección da entidade foi a indemnización prevista para os despedidos, que pasaría dos 23 días por ano cun límite de 14 mensualidades aos 28 días cun máximo de 18. A cambio, porén, NGB imporía algunhas medidas de flexibilización que incluirían a apertura dalgunhas oficinas pola tarde, así como a redución de xornada e a conseguinte diminución do soldo dos empregados.

A desconfianza dos sindicatos atópase sobre todo na proposta da suspensión do contrato de 200 traballadores desde mediados deste ano até finais de 2014, xa que se preguntan cales as garantías de reincorporación destes empregados.

Ante a abundante, e variada, oferta feita pola empresa, os sindicatos presentaron unidos outra que implicaría non levar a cabo ningún despedimento na entidade. Nela incluiríase unha saída voluntaria e escalonada en cinco anos para aqueles traballadores cunha antigüidade de máis de 20 anos e que cumpran os 55 de idade, ademais de reducións de xornadas e rebaixas dos soldos máis altos. "Que os salarios do cadro de persoal nunca superen aos do presidente do Goberno", aseguraron, o que implicaría unha considerable rebaixa nos honorarios do presidente, José María Castellano.

Ante a falta de acordo, os traballadores de Novagalicia Banco secundarán este mércores unha folga que irá acompañada de manifestacións en varias cidades galegas, todas elas ás 12 do mediodía, e cuxos puntos de saída se indican a continuación:

A Coruña: Rúa Nova (Novagalicia Banco).
Santiago: Praza de Galicia (Novagalicia Banco).
Ourense: Rúa do Paseo (OP Novagalicia Banco).
Lugo: Praza Maior (OP Novagalicia Banco).
Pontevedra: Praza San Xosé.
Vigo: Urzaiz (Oficina de Bankia).

Manifestación de traballadores de Novagalicia CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.