Os traballadores de Privilege loitan por facerse coa empresa e salvar o emprego

Planta de Privilege en Narón © Concello de Narón

Os antigos traballadores de Privilege continúan loitando para facerse coa propiedade da factoría e salvar os postos de traballo. Os que foran empregados desta firma de taboleiro de pedra de Narón impugnaron hai tan só uns días a poxa notarial da súa fábrica e as bases do concurso, logo de que non se tivese en conta a creación de emprego que propoñen.

Os traballadores impugnaron a poxa notarial da fábrica, que non tivo en conta a creación de emprego

A maioría do cadro de persoal, 45 de 77 traballadores, decidiu formar unha sociedade laboral (Seaquarz SL), que recibiu o apoio de toda a oposición parlamentaria no seu intento por se facer coa empresa, o último de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), cuxa vicevoveira, Yolanda Díaz, reuniuse este martes co comité de empresa.

Os obreiros loitan contra a oferta do accionista maioritario, que levou a empresa á quebra hai un ano

O grupo de obreiros loita na poxa por facerse coa planta contra Poliver, conformada polos herdeiros do grupo italiano Quarella, o accionista maioritario (60%) da empresa, que obtivo cuantiosas axudas públicas pero que acabou por declararse en quebra hai un ano. A sospeita do comité de empresa é que os antigos donos contan con desmontar a fábrica, levar a maquinaria a Italia e reactivar alí a produción. Os traballadores, pola contra, pretenden  manter a actividade en Narón e manter 45 empregos.

A oposición pide a implicación da Xunta, que prometera axudas por 2,5 millóns de euros

O accionista maioritario solicitou hai xa perto dun ano o concurso de acredores, feito polo cal os empregados non queren que se faga coa totalidade de Privilege. Para logralo, contan co apoio da oposición no Parlamento galego, pero tamén coa do Concello de Narón, cuxa corporación xa advertiu o seu apoio "incondicional" ao plan do cadro de persoal, prometendo facer "todo o posible" para manter a fábrica. Tamén a Xunta prometera colaborar a través de créditos participativos do Igape e Xesgalicia, un apoio que lle reclaman agora as forzas políticas de esquerda, máis tendo en conta que o Goberno galego conta co 40% do accionariado.

Alternativa, como antes fixeran outros partidos, cren que a situación pola que pasan estes traballadores é "un exemplo máis da ineficacia da Xunta en materia laboral", así como a demostración do fracaso das "actuais políticas económicas neoliberais do Goberno galego". Por iso, presentou unha interpelación no Parlamento na que se insta a Xunta a que explique se vai apoiar a iniciativa dos traballadores de Privilege.

Será en poucas datas cando o xuíz mercantil aclare se o destino da fábrica de cuarzo se decide sobre as bases actuais da poxa ou si se convocará unha nova poxa con outro baremo. A empresa Privilege está situada no polígono naronés das Lagoas desde 1991 e chegou a empregar a case un centode persoas. O 60% das súas accións pertencen a Quarella mentres que o 40% restante é público e repártese entre Xesgalicia (20%) e Sepides (20%).

Planta de Privilege en Narón © Concello de Narón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.