Os traballadores de T-Solar abandonan o peche para dirixir a súa presión sobre a Xunta

Os traballadores e traballadoras de T-Solar levan pechados na empresa dende xullo Dominio Público Praza Pública

129 días. É o que vai durar finalmente o peche dos traballadores e traballadoras da empresa ourensá de paneis fotovoltaicos T-Solar cando este xoves o dean por finalizado. A medida, iniciada o pasado 2 de xullo, buscaba evitar o desmantelamento da fábrica e a perda de 170 postos de traballo, despois da entrada da empresa en concurso de acredores. Porén, non será a fin das mobilizacións, todo o contrario. O obxectivo dos e das traballadoras é dirixir as súas protestas en novas frontes, centrándoas especialmente sobre a Xunta, á que lle reclaman que se implique na procura dunha solución ao conflito. Tamén será importante a cita do 18 de decembro en Vigo, onde se celebrará a asemblea de acreedores e na que se tomarán decisión fundamentais para o futuro do concurso e dos postos de traballo en perigo.

A decisión de finalizar o peche foi adoptada pola asemblea de traballadores e traballadoras por maioría. Brais González, da CUT, e un dos voceiros do persoal, sinala que a principal razón é práctica, pois "se permanecemos dentro faríasenos máis difícil evitar o desmantelamento" e sinala que agora "traballaremos sobre a Xunta, que será quen decida finalmente o futuro da fábrica". Apunta, ademais, que non queren asumir o custe económico de manter aberta unha batalla xudicial coa empresa, que viu aceptada unha demanda que ordena o desaloxo. E, finalmente, sinala que "temos garantido, a través dun vixía, que aínda que rematemos co peche non iniciarán a demolición da fábrica".

"O peche conseguiu bloquear calquera posibilidade de desmantelamento da fábrica. Foi un grande éxito, porque sen fábrica sería imposible falar de calquera posibilidade de continuidade"

A valoración que os traballadores fan do peche é positiva. Brais González salienta que "o peche conseguiu bloquear calquera posibilidade de desmantelamento da fábrica. Foi un grande éxito, porque sen fábrica sería imposible falar de calquera posibilidade de continuidade". De igual xeito, destaca a "capacidade pedagóxica dun peche coma o de T-Solar, que demostra que a través de procesos de loita e da autoorganización dos e das traballadoras se poden conseguir obxectivos" e que "conseguimos tamén poñer o debate na palestra pública, poiso conflito de T-Solar é un conflito coñecido e apoiado en toda Galicia e sobre todo en Ourense". 

Finalmente, subliña que "tamén se conseguiu poñer contra as cordas á Xunta de Galicia, que ten moita responsabilidade sobre isto" e lembra que "a Xunta leva meses buscando fórmulas para que finalizásemos o peche, buscaba isto moito máis que vías para asegurar o futuro dos postos de traballo".

 

Catro meses de loita laboral

Estes catro meses de mobilizacións caracterizáronse pola falta de diálogo por parte da empresa e pola negativa da Xunta a mediar no conflito, a pesar de que o Goberno galego investiu dende 2007 65 millóns de euros en T-Solar. Os traballadores buscaban evitar, sobre todo, o desmantelamento da planta de gases, que é o núcleo da fábrica, xa que no caso de pechar sería moi difícil que aparecese un comprador que garantise os postos de traballo: "tardaríanse meses en volver poñer en funcionamento a planta e ese gasto non están dispostos a asumilo os compradores".

Estes catro meses de mobilizacións caracterizáronse pola falta de diálogo por parte da empresa e pola negativa da Xunta a mediar no conflito, a pesar de que o Goberno galego investiu dende 2007 65 millóns de euros en T-Solar

Os traballadores denunciaron tamén que a empresa matriz, Isolux Corsán, aumentara recentemente a súa participación en T-Solar dun 60% a un 88%, mercándolle 4 millones de euros a Novagalicia Banco. Ou que poucas semanas antes de anunciar o ERE a empresa investiu uns 500.000 euros en automatizar unha liña de traballo.

O persoal de T-Solar buscou dar a coñecer as orixes e a importancia social desta situación, e recolleu o apoio das principais forzas da oposición, PSdeG, AGE e BNG e de boa parte da sociedade ourensá. A pesar de que o peche contaba, nun principio, coa aprobación dos responsables da empresa, unha vintena de traballadores e mesmo a deputada do BNG Tereixa Paz foron citadas polo xuíz en relación con este encerro e tiveron que declarar nos xulgados

O persoal de T-Solar, promovida por Isolux Corsán, nunha manifestación contra o seu peche Dominio Público Praza Pública
Solidariedade con T-Solar CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.