Os traballadores galegos gañan cada vez menos malia choiar máis horas

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

O incremento salarial máis baixo desde que hai rexistros. Así de contundente é o informe de negociación colectiva de 2011 e o avance do primeiro semestre de 2012 presentado este mércores en rolda de prensa polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), Demetrio Fernández, que destaca que os traballadores galegos perderon poder adquisitivo nos convenios colectivos asinados na primeira metade deste ano, o que se une ao aumento da xornada laboral pactada, que é de 16 horas de media máis elevada que a de 2011. “Unha das máis altas da última década”, destacou, ao pasar ás 1.769 horas.

Os galegos traballan máis horas e ven como se reduce o seu poder adquisitivo

As conclusións para Demetrio Fernández son claras, xa que asegura que a situación da negociación colectiva en Galicia é de "parálise, realismo e adaptación dos contidos cara á situación de crise". A causa é evidente, segundo o presidente do CGRL, e débese a que os traballadores centran agora os seus esforzos en manter o emprego, mentres que os empresarios baséanse na “supervivencia” das compañías. Non hai máis.

"A negociación colectiva está parada; os traballadores céntranse en manter o emprego e os empresarios en manter o negocio"

Ademais, tamén é evidente o influxo da reforma laboral, porque supón “un cambio radical” que fai primar o convenio de empresa sobre o sectorial, o que acaba sendo negativo para a clase traballadora, xa que eran estes pactos nas compañías os que podían mellorar o acordo sectorial, pero nunca estar por baixo del nas condicións. Xa que logo, a crise tivo un impacto “contundente” nas relacións laborais entre patronal e empregados, ademais de acentuarse que a conflitividade se traslada da negociación dos convenios á dos expedientes de regulación de emprego (ERE).

O incremento salarial en 2011 foi do 2,8% fronte ao 1,5% do primeiro semestre de 2012

Os datos son teimudos. En canto aos incrementos salariais, 2011 pechou cun 2,82%, mentres que no primeiro semestre este é tan só do 1,52%. Por provincias, destaca o 0,33% de Pontevedra, fronte ao 1,7% de Lugo; o 2,03% de Ourense e o 2,07% da Coruña. Ademais, Fernández sinalou que só o 17% dos convenios inclúen unha cláusula de revisión salarial, que é a que permite adecuar a evolución do soldo á do IPC. Hai seis anos, indicou, eran o 60% os que introducían este aspecto.

Sobre a vinculación do salario ao aumento da produtividade, baixaron do 41% ao 32% os convenios que establecen esta relación, algo "curioso", a xuízo do presidente do Consello, dado que se trata dunha das recomendacións do Ministerio de Economía e da CEOE.

Por outra banda, Demetrio Fernández destaca que aumentan os convenios con algunha cláusula do control do absentismo e aclarou que tamén medran os acordos que prevén mecanismos extraxudiciais para a resolución de conflitos. Entre os aspectos positivos, o presidente do CGRL destaca que o 99% teñen cláusulas de conciliación que melloran o Estatuto dos Traballadores; o 97% incorpora melloras sociais; e o 94% prevé medidas de saúde laboral.

Tamén se destaca no informe a redución na negociación de convenios colectivos. A 30 de xuño, explicou Fernández, en Galicia estaban vixentes 840 convenios colectivos, que afectan a 431.960 traballadores. Este ano corresponde negociar 583 de empresa e 100 de sector e na primeira metade de ano realizáronse os trámites para 53 de empresa (o 9,09%) e para catro sectoriais (o 4%). O normal a estas alturas de ano sería alcanzar a metade ou algo máis.

Ademais, Demetrio Fernández destaca a "atomización" dos convenios en Galicia, xa que a maior parte deles afectan a menos de 30 persoas e algúns se aplican a empresas con seis ou sete traballadores. Tamén apuntou que en Galicia hai unhas 150.000 persoas suxeitas a convenios estatais e calcula que entre 100.000 e 120.000 traballadores non teñen convenio colectivo.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.